Sufrimento con final feliz para Condes de Albarei Teucro fronte o Benidorm (27-26)

Pontevedra
12 de novembro 2017

Se a algún afeccionado ao balonmán quedábanlle dúbidas do que custa gañar un partido na liga Asobal, é máis que probable que tras presenciar o Condes de Albarei Teucro-Benidorm despexáranselle definitivamente. Os azuis sufriron e moito para gañar, coquetearon coa derrota e pouco faltou para que deixasen escapar un punto por non apuntillar ao rival cando puideron facelo, xestionando mellor unha importante vantaxe na recta final

Partido entre Condes de Albarei Teucro e Benidorm no Municipal
Partido entre Condes de Albarei Teucro e Benidorm no Municipal / Diego Torrado

Se a algún afeccionado ao balonmán quedábanlle dúbidas do que custa gañar un partido na liga Asobal, é máis que probable que tras presenciar o Condes de Albarei Teucro-Benidorm despexáranselle definitivamente. Os azuis sufriron e moito para gañar, coquetearon coa derrota e pouco faltou para que deixasen escapar un punto por non apuntillar ao rival cando puideron facelo, xestionando mellor unha importante vantaxe na recta final.

Pero foi un sufrimento que se dá por ben empregado ante o final feliz que tivo o partido para os teucristas, que se quitaron un peso de encima e esta vez sorriron ao final cun triunfo vital fronte a un rival directo, aínda que fose por un único gol que lles desquita en parte das outras dúas derrotas mínimas sufridas no que levamos de liga, á vez que rompe esa dinámica de tres derrotas consecutivas e a lóxica ansiedade coa que chegaban ao choque.

Todo o mundo era consciente da importancia destes dous puntos. O equipo e corpo técnico pediron o apoio da afección e recibírono con fartura. Boa entrada no Municipal, que estreaba a súa nova pista azul (non podía ser doutra cor) e facíao cun Teucro serio, con algunhas lagoas rapidamente emendadas, con pezas fundamentais como o máximo artilleiro, Yoán Balázquez, que non tivo nin de lonxe o seu mellor día no lanzamento, pero que atopou en Borja Méndez e especialmente no capitán Carlos García, aos líderes que necesitaba o equipo para tirar do carro nos momentos craves.

Os comezos do partido foron titubeantes, cunha sólida defensa dos de Zupo Equisoaín, que rapidamente atopou resposta nos locais. Foron uns 20 minutos iniciais nos que as defensas impuxeron a súa lei, especialmente a do Teucro, que se fartou de realizar blocaxes aos lanzadores visitantes.

Tras o 1-0 inicial, o Teucro tivo problemas para atacar o muro visitante. A consecuencia foi que Benidorm empezou mandando, deixando aos de Quique Domínguez nun só gol nos primeiros 10 minutos e logrando a súa máxima vantaxe (1-4). Pero empezou Carlos García co seu recital para neutralizar a diferenza e devolver a vantaxe ao Teucro mediado o primeiro tempo (6-5).

Aos poucos o equipo local foi sentíndose máis firme nas súas accións e aos 24 minutos conseguía a súa máxima diferenza (11-7) cun novo gol de Carlos García. Parecía atopar o camiño o Teucro, pero aquí chegou unha pequena fochanca que aproveitou Benidorm para irse ao descanso só un gol por baixo (13-12).

Na segunda parte Benidorm cambiou o seu estilo optando por un xogo máis dinámico en ataque que lle deu resultado, tanto que ao 39 minuto lograra igualar o choque (17-17), para poñerse por segunda e última vez con vantaxe (20-21) a falta de 14 minutos para o final.

Carlos García, quen senon, con Borja Méndez como escudeiro, deron a volta unha vez máis ao luminoso. O Teucro ademais ten a gran sorte de contar con dous extraordinarios porteiros que, cando a un non lle saen as cousas, o outro aparece para soster ao equipo. Nesta ocasión a quenda foi para Lloria, que en poucos minutos fixo tres intervencións magníficas en accións de seis metros, que resultaron vitais.

Sobre esas tres patas o equipo azul volveu crecer e abriu de novo un pequeno oco (24-21), mesmo con ocasión clara para irse de catro que Bruno de Castro non aproveitou, deixando opción a que o Benidorm regresase ao partido.

Os azuis deixaran con vida ao seu rival e este aproveitouno. Quedaban seis minutos cando Benidorm ponse a un (24-23), pero comete un grave erro no seu banco que lle custa a posesión para empatar e a exclusión de Eloy González. Edu Moledo e Carlos García, en dúas ocasións, volven poñer ao Teucro con dous de vantaxe, pero nas tres veces Benidorm reacciona situándose a un só gol (27-26) con minuto e medio por xogar.

Yoán Balázquez non acerta no seu lanzamento e deixa o último minuto para que Benidorm busque o empate. Zupo pide tempo morto. Polo Municipal planea a pantasma da perda dun punto, pero Paván lanza fora deixando 17 segundos para que Quique Domínguez pida tempo morto, a bancada anime coa alma e o susto dentro. Calderón atropela a Balázquez nunha aparatosa entrada que lle custa a exclusión e o Teucro esgota os segundos respirando aliviado e explotando de alegría ao soar a bucina.

CONDES DE ALBAREI TEUCRO (27): Javi Santana; Borja Méndez (7), Yoán Balázquez (3), Quintas (3), Rial (1), Carlos García (10, 1 de penalti) Bruno de Castro -sete inicial-, Lloria (p.s.); Moyano, Iván Fernández, Dani Hernández (1), Edu Moledo, Iglesias (1), Altirriba e Samu Pereiro.

BM BENIDORM (26): Mijuskovic; Torrico (4), Emilio Esteban (2), Carlos Grau (2), Esteban Salinas (8), David Cuartero (3), Paván (4) -sete inicial-, Makaria (p.s.); Rubén Marchán, Noris (2), Eloy González, Jesús Morales (1, de penalti), Iván Rodríguez e Calderón.

Árbitros: Álvarez Menéndez e Friera Cavada (Asturias). Excluíron dous minutos a Bruno de Castro, Dani Hernández e Yoán Balázquez, no Teucro, e a Carlos Grau (2), Calderón (2) e Eloy González, no Benidorm.

Marcador (cada cinco minutos): 1-0, 1-3, 4-5, 7-5, 11-7, 13-12 (descanso), 14-13, 17-17, 20-20, 23-21, 24-23 e 27-26 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 1.200 espectadores.