Sufrido triunfo do Teucro sobre BMC nun mal partido (24-22) para pechar unha volta case perfecta

Pontevedra
28 de xaneiro 2017

BMC estivo preto de truncar a volta case perfecta do equipo azul, como consecuencia dunha mala tarde dos de Quique Domínguez, precisamente fronte ao último equipo capaz de derrotalos no presente campionato

Partido entre Teucro e BMC Carabanchel no Municipal
Partido entre Teucro e BMC Carabanchel no Municipal / Diego Torrado

Non foi o mellor partido do Teucro, nin de lonxe. BMC estivo preto de truncar a volta case perfecta do equipo azul, como consecuencia dunha mala tarde dos de Quique Domínguez, precisamente fronte ao último equipo capaz de derrotalos no presente campionato. A actuación baixo paus de Javi Santana resultou determinante, especialmente no últimos dez minutos, con ata seis paradas claves para primeiro permitir o despegamento dos seus e logo abortar a remontada final dos madrileños.

Máis que os acertos do rival foron os erros propios os que fixeron sufrir ao equipo e á bancada local. Ninguén pode negar a estas alturas os evidentes méritos teucristas, nin tampouco o seu excelente momento de xogo e resultados, pero esta non era a súa tarde. O mellor é que, cando como nesta ocasión sae o "partido parvo" conseguiuse salvar os mobles e sumar dous novos puntos para manter o liderado.

Con escasa intensidade defensiva, pero menos acerto atacante, os lanzadores locais empeñáronse en converter ao porteiro madrileño no heroe do seu equipo, a base de balonazos ao seu corpo, en situacións de clara vantaxe para o lanzador. Con iso e o acerto de Juan, ao que o Teucro non conseguiu frear máis que cando Quique Domínguez decidiu ordenar defensa mixta sobre el na recta final, bastoulle a BMC para manterse con opcións no partido ata o último suspiro.

A primeira parte foi mala, pero con lixeira iniciativa teucrista, que non soubo aproveitar a súa máxima renda (9-6) mediado o período, como consecuencia de varios erros seguidos nas accións de ataque, que permitiron aos madrileños chegar ao descanso cunha mínima desvantaxe (11-10).

Pero se mala fora a primeira parte, os inicios da segunda fixeron temer o peor. BMC púxose por diante e mantivo a igualdade ata o minuto 40 (14-14). Nese momento Santana botou o peche e entre Dani Hernández e Óscar Silva asinaron un 4-0 de parcial para poñer o 18-14 no marcador.

O partido parecía sentenciado, por fin, pero os erros reapareceron e os madrileños contestaron cun 0-3 para poñerse a un gol. Quique Domínguez tomou dúas decisións tácticas que foron claves. Por unha banda ordenou mixta de Pedreira sobre Juan e por outro fixo que o seu equipo atacase con sete homes de campo. O Teucro volveu despegarse. Dous goles de Edu Moledo subían o 23-19 ao marcador, a falta de só cinco minutos. Pero o sufrimento non terminara. Volveron os erros, as precipitacións absurdas e BMC remontou ata o 23-22, con 45 segundos por xogar.

Quique Domínguez pediu tempo morto. BMC presionou en toda a pista, pero Reda foi excluído por un lapote a Dani Hernández, e Jhonny Medina sentenciaba a falta de sete segundos.

SD TEUCRO (24): García Lloria; Jhonny Medina (1), Carlos García (2, 1 de penalti), Román Pedreira, Sergio Altirriba, Dani Hernández (6, 1 de penalti), Iglesias -sete inicial-, Santana (p.s.); García Pichel (2), Óscar Silva (5), Quintas, Borja Méndez (2), Iván Fernández, Samu Gómez (2), Saúl Campo e Edu Moledo (4).

BMC CARABANCHEL (22): Lucas; Juli (1), Barroso (2), Rubén (1), Juan (9), Jaime (5), Ruso (1) -sete inicial-, Gonzalo (p.s.); Llopis (1), Álex, Juaco, Reda (2), Carlos.

Árbitros: José Alberto Macías de Paz e Ernesto Ruiz Vergara (Andalucía). Excluíron dous minutos a Román Pedreira, Quintas e Edu Moledo, polo Teucro, e a Rubén e Reda, polo BMC Carabanchel.

Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 4-3, 6-5, 9-7, 10-9, 11-10 (descanso), 12-12, 14-14, 18-14, 20-19, 23-19 e 24-22 (final).

Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). 605 espectadores.