Teucro e Reconquista de Vigo, ou o que é o mesmo, terceiro contra cuarto, víronse as caras este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e disputaron un encontro do máis igualado e rifado e que se decidiu nos últimos instantes.
Saltaron á cancha os xogadores de Irene Vilaboa con ganas de reengancharse á senda do triunfo despois de caer ante o OAR Coruña a pasada xornada e apostaron por unha férrea defensa para tentar apropiarse do partido.
Con todo, o cadro vigués non estaba disposto a ceder e freou os ataques dun equipo pontevedrés que logrou a súa primeira renda de tres goles aos 17 minutos de xogo (10-7).
Pero pouco durou a alegría ao Teucro e o Reconquista empatou case ao instante. Marko Dzokic foise dous minutos ao banco e ao equipo visitante foille suficiente para devolver o empate por medio de Alejandro Gómez, Pablo González e Martín Rial.
Sergio Blond botouse ao equipo ás costas (12-10), Xosé Costas foi excluído e os de Lérez, grazas aos tantos de Dani Pintus e Marchette, ampliaron a diferenza (16-12). Pediu tempo morto Irene Vilaboa para manter ese resultado ao descanso, pero o cadro vigués repúxose e volveu reducir diferenzas (16-14).
Á volta de vestiarios o encontro rompeu. O Teucro tentou escaparse, pero en lugar diso atopouse cun parcial en contra de 0-5 que sentaba como un xerro de auga fría (20-23).
A adestradora local volveu parar o cronómetro e o seu equipo se reenchanchó ao partido, que entrou nun tira e afrouxa no luminoso. O Reconquista tentábase escapar, pero o Teucro respondía para volver reducir a diferenza e lograr empatar cando restaban oito minutos para a conclusión (25-25).
Calquera podía gañar e a tensión palpábase no ambiente, pero foron os pontevedreses os que, levantados pola súa afección, lograron traspasar a defensa rival para colocarse por diante cando máis falta facía e sentenciar en 30-27 para así sumar dous importantísimos puntos.
Consulta as estatísticas nesta ligazón