O Club Cisne Balonmán segue sumando de dous en dous neste inicio de liga. O equipo adestrado por Jabato volveu sufrir para facerse coa vitoria ante un Novás que non o puxo nada fácil a pesar de ir a remolque durante todo o segundo tempo (28-29).
Abriu o partido o Novás da man de Dusan Trifkovic, pero enseguida devolveu o empate Javi Vázquez desde os sete metros para entrar nunha dinámica de completa igualdade. Con todo, tras unha serie de accións nas que o protagonismo foi para os gardametas, que evitaron que o marcador se movese, o Cisne, nun visto e non visto, tomou a dianteira da man de Pombo e Mateo Arias para conseguir unha primeira vantaxe de dúas tantos (2-4) que se ampliou a tres no minuto 10 (3-6). A partir de aí, con Héctor Gil e o traballo defensivo da súa zaga, o Novás encargouse de neutralizar cada chegada cisneísta para volver a voltear o luminoso (8-7).
Pero a alegría durou moi pouco ao cadro local; o Cisne reaccionou e volveu conectar boas xogadas para poñerse de novo cun pequeno colchón de dous goles (8-10) cos que a primeira parte entrou no seu últimos dez minutos nos que houbo un tempo morto para cada equipo e onde os locais volveron empatar para enviar o encontro ao descanso en 11-11.
Os xogadores saíron dos vestiarios cun ritmo vertixinoso que se traduciu nunha igualdade máxima no marcador ata que nun erro nun pase do Novás aproveitouno o equipo de Jabato para responder cun contragolpe e a velocidade de Alberto Delgado, que con dous goles seguidos puxo por encima aos seus (17-19).
Os de Lérez non volveron perder a vantaxe, pero tampouco os de vermello perdían a cara ao partido e mantíñanse a tan só un ou dous goles por detrás. E cando máis o necesitaban reapareceu Héctor Gil baixo paus para deter o lanzamento desde os sete metros de Javiva, Leiras empatou para o Novás, pero Mateo Arias botouse ao equipo encima para, por partida dobre, devolver a vantaxe ao Cisne e obrigar ao técnico local a parar o cronómetro (min. 22, 23-25).
Entrou o partido nos minutos máis delicados, onde un mínimo erro podía ser crucial no resultado final. Regalou o balón o Cisne nun erro de pase, atacou o Novás na xogada para volver empatar pero o muro Franzini realizou unha boa estirada para desviar o intento do rival e evitar o gol. Furtado devolveu a renda de dous goles aos seus e estes só tiveron que mantela a pesar dos intentos dos do Rosal, que viron morrer o encontro cando materializaron o 28-29.
Soou a bucina que indicaba o final dos 60 minutos e os xogadores do Cisne saltaron á cancha para celebrar esta nova vitoria e seguir sumando de dúas en dúas.