Sufrido triunfo do Bádminton Ravachol na estrea da tempada en División de Honra

Pontevedra
23 de setembro 2024

Inicio de tempada con vitoria para o Bádminton Ravachol, que nun vibrante encontro superou por 4-3 o Cartagena no pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe

Primeira xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Cartagena
Primeira xornada de División de Honra entre Bádminton Ravachol e Cartagena / Cristina Saiz

Positivo, aínda que sufrido, inicio de tempada para o Bádminton Ravachol Pontevedra na División de Honra.

Tras facer historia a pasada campaña xogando o play-off polo título, o equipo pontevedrés comezou a liga con bo pé superando adversidades e a un recentemente ascendido pero moi reforzado Cartagena, nun encontro disputado no pavillón da Príncipe Felipe.

O Ravachol chegaba coa baixa de Jacobo Fernández, á que se sumou a última hora a dun puntal do equipo como Georgina Bland por lesión. Aínda así soubo sufrir para levar os tres puntos en xogo por un apertado 4-3.

Arrincou con forza o equipo local, sumando os dous primeiros puntos no dobres mixto formado por Gabriel Fernández e Lucía Rodríguez e no dobres feminino por medio de Lisa Curtin e Lucía Rodriguez. Con todo non correu a mesma sorte o dobres masculino de Gabriel Fernández e Marco Fernández e tampouco no primeiro individual Ana Carbón cedendo ante a danesa Frederikke Ostergaard.

Con 2-2 no marcador chegou un dos duelos clave, no que o local Leo Van Gysel vencía en cinco mangas a Álex Alcalá. Así, a pesar da derrota de Marco Fernández fronte ao visitante Harry Huang chegábase con opcións ao último e decisivo partido, no que a inglesa Lisa Curtin vencía a Nerea Ivorra para certificar o 4-3 final e deixar os punts en casa do Ravachol.

"Foi un partido de infarto, podía caer para calquera lado pero estivemos finos nos momentos clave para levarnos unha vitoria moi importante ante un grandísimo rival", valorou tras o choque o técnico pontevedrés, Jesús Pereiro.

Todo tras "un das fins de semana máis duras que recordo, porque a lesión de Georgina a última hora provocou que chamásemos a (Leo Van Gysel) cunha marxe de poucas horas, e o rapaz demostrou un compromiso brutal co equipo viaxando desde Francia a poucas horas de xogar. Tivemos que recollelo no Porto porque non había voos a Galicia, chegamos a Pontevedra de madrugada para xogar o domingo pola mañá, e con todo iso deunos un punto clave para conseguir a vitoria. O rapaz non tiña nin raquetas nin zapatillas para xogar, os compañeiros tiveron que deixarlle o material, foi de tolos", explicou Pereiro sobre un triunfo que deixa un gran sabor de boca.

Tras a estrea ligueira o Bádminton Pontevedra non disputará a súa segunda xornada de liga ata o 19 de outubro, cando viaxará a Huelva para enfrontarse ao IES La Orden.