O squash pontevedrés e galego está de parabén polo papel desempeñado no Campionato de España por Seleccións Autonómicas.
Galicia logrou unha dobre medalla de ouro, tanto na categoría masculina como feminina, nunha competición na que participaron dous pontevedreses como son o xogador Pablo Quintana e o adestrador Víctor Reguera, ademais da viguesa Marta Domínguez vinculada durante moitos anos ao Squash Pontevedra.
Hugo Varela, Aron Astray, Pascal Gómez e Fernando Ferrer completaban a selección galega masculina, mentres que na feminina tamén participaban Icía Riveiro, Inés Gómez e Olivia Mon.
O torneo nacional da nova modalidade olímpica (está incluída en Los Ángeles 2028), celebrouse durante a pasada fin de semana en Xirona.
Como cabeza de serie número 1, o equipo galego masculino accedeu directamente aos cuartos de final, nos que se mediu a Castela-Léon. Despois gañarían a Andalucía para chegar a unha final na que esperaba Cataluña e na que superaron a a lesión de Hugo Varela para remontar con vitorias de Pablo Quintana e Pascal Gómez.
Na categoría feminina pola súa banda Galicia venceu a todas os seus rivais no torneo: Comunidade Valenciana, País Vasco, Andalucía e Cataluña.