Os danos ocasionados por un dos últimos temporais, e concretamente pola crecida do río Verdugo, esnaquizando por completo o campo de fútbol de Chan da Barcia, deixou unha situación comprometida á SCD Ponte Caldelas.
O club deportivo, con preto de 200 nenos nas súas escolas de base, non poderá usar o campo municipal durante toda a tempada, debendo desprazarse ata á Lama para completar adestramentos e afrontar os partidos de todos os seus equipos.
Trátase dun esforzo económico difícil de afrontar se non queren comprometer o futuro e a viabilidade da entidade, por iso a SCD Ponte Caldelas lanzou un SOS cunha campaña de financiamento na que buscan mecenas.
A través da plataforma Verkami abriron unha microfinanciación co obxectivo de recadar 10.000 euros que axuden a superar o mal momento.
"Debido a esta catástrofe, a situación económica do club complícase moito xa que temos que afrontar todos os gastos como son adestramentos, desprazamentos, árbitros, adestradores, etc, e precisamos da vosa axuda para poder seguir adiante", explican desde a SCD Ponte Caldelas revelando que durante a presente tempada destinarán 45.000 euros ao pago dos seus adestradores, 7.000 euros a fichas de xogadores, 10.000 euros a gastos arbitrais ou 5.000 euros a desprazamentos.
A campaña manterase aberta ata final de ano establecendo diversas recompensas aos participantes segundo a súa achega, como son chapas do club (10 euros), unha bufanda (20 euros, o carné de socio da temprada (50 euros) ou a camiseta de xogo do equipo (60 euros).