Soño europeo de Lydia Pérez en Bratislava

Pontevedra
04 de abril 2025

A deportista pontevedresa liderará a representación española no Campionato de Europa de Loitas Olímpicas que arranca o 7 de abril na capital de Eslovaquia

Nerea Pampín e Lydia Pérez, mellores loitadoras españolas do ránking internacional
Nerea Pampín e Lydia Pérez, mellores loitadoras españolas do ránking internacional / Federación Galega de Loita

Reto continental para Lydia Pérez Touriño.

A deportista pontevedresa será unha das principais basea da Selección Española no Campionato de Europa Absoluto de Loitas Olímpicas que arranca o 7 de abril na capital de Eslovaquia, Bratislava.

Lydia preparouse a conciencia para a cita, despois de pasar polo Centro de Alto Rendemento de Madrid e tamén cunha concentración na que desde esta tempada é a súa sede habitual de adestramentos, o INSEP de París.

Alí xunto á tamén galega Nerea Pampín e o resto da Selección Española Feminina, exercitáronse durante 10 días con representantes de países como Estados Unidos, Canadá, Francia, Italia, Alemaña e Romanía.

En Bratislava a deportista do Club de Loita Pontevedra competirá na categoría de -62 quilos, cuxas fases clasificatorias están previstas para o xoves día 10 de abril, coa repesca e as roldas finais ao día seguinte.

Pola súa banda Nerea Pampín (Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces), deportista que durante anos se preparaou no CGTD de Pontevedra, competirá no Europeo en -68 quilos.

O Campionato de Europa chega tras varias competicións de preparación, entre as que se inclúe o presitigioso Torneo Internacional Dan Kolov celebrado en Bulgaria no que Lydia Pérez colgouse a medalla de bronce.

España acode á cita en Eslovaquia cun equipo composto por 10 deportistas.