Soñando cos grandes. Así será o sorteo de 1/16 de Copa para o Pontevedra

Pontevedra
05 de decembro 2024

Os granates teñen asegurado recibir a outro equipo de Primeira División en Pasarón e con moitas posibilidades de que sexa un dos dous grandes do fútbol español. O sorteo celebrarase o luns 9

Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Villarreal en Pasarón
Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Villarreal en Pasarón / Mónica Patxot

Os afeccionados do Pontevedra Club de Fútbol espertaron este xoves cun gran sorriso na cara, lembrando o vivido  na segunda eliminatoria da Copa do Rei superando a todo un Villarreal.

Os granates entraron por méritos propios nos 1/16 de final da competición, e soñan con seguir dando guerra no torneo e con recibir a un dos grandes do fútbol español no Estadio Municipal de Pasarón.

Hai moitas posibilidades de que así sexa, e é que os equipos de Segunda RFEF clasificados serán emparellados, se dan os números, cos catro equipos que xogan a Supercopa de España e que se incorporan por fin á Copa do Rei, é dicir, Real Madrid, Barcelona, Athletic Club e Mallorca.

Pero imos por partes, o sorteo da próxima eliminatoria terá lugar o vindeiro luns 9 de decembro ás 13.00 horas na sede da Real Federación Española de Fútbol.

O que si é seguro xa é que outro equipo de Primeira División visitará Pasarón, e farao a primeira fin de semana do ano e en plenas vacacións escolares, xa que a eliminatoria copeira está fixada para os días 3, 4 e 5 de xaneiro. Todo un agasallo de Reis.

Polo momento, a falta dos últimos partidos de segunda rolda fixados para este xoves 5 de decembro, son soamente tres os equipos de Segunda RFEF que estarán no bombo, ao terse clasificado tamén a UD Logroñés e o Barbastro.

Se ese número non crece ou supera os catro, o rival do Pontevedra será seguro un dos clubs que disputa a Supercopa de España, ao ser un sorteo dirixido, senón o abanico abriríase ao resto de conxuntos de Primeira División (polo momento só foron eliminados Espanyol, Villarreal e Girona).

Será ademais, de novo, unha eliminatoria a partido único, así que está permitido soñar, por que non?, cunha nova proeza dos de Yago Iglesias.