Somozas, primeira das catro finais no camiño do Pontevedra cara a Copa do Rei

Pontevedra
23 de abril 2016

Luisito busca poñer a guinda á noticia da súa renovación cos granates cun triunfo este domigo (18:45 horas) nas Somozas ante un rival directo pola quinta praza. O técnico asegura que "temos que ir buscar os 12 puntos en xogo" para lograr o obxectivo

Adestramento do Pontevedra en Pasarón
Adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Despois da renovación de Luisito, o foco de atención no Pontevedra céntrase de novo no terreo de xogo co obxectivo de fondo de recuperar a quinta praza e xogar a próxima campaña a Copa do Rey.

Para iso "temos que ir buscar os 12 puntos en xogo", recoñece o técnico pontevedrés, centrado unicamente en "gañar ao Somozas".

O cadro granate visita este domingo (18:45 horas, TVG2), o campo dun rival directo, o Manuel Candocia das Somozas, coa intención de superar os dous últimos tropezos na casa e así manterse con opcións no último mes de competición.

Tras o último adestramento semanal, realizado na mañá deste sábado en Pasarón, o técnico de Teo decidiu que viaxen todos os xogadores dispoñibles, coas únicas ausencias dos lesionados Capi e Pablo Carnero, deixando os descartes para minutos antes do partido.

Pola súa banda o Somozas, que esta semana tamén confirmou a renovación do seu adestrador, Stili, afronta a cita con todos os xogadores dispoñibles.

O colexiado do encontro será o madrileño Mario López Fernández-Montes, de ingrato recordo esta campaña para os granates ao ser o colexiado da derrota por 0-3 ante o Racing de Ferrol.