Sofre o Pontevedra pero empata en Navalcarnero (1-1) e avanza na Copa Federación

Pontevedra
23 de xaneiro 2019

O empate con goles favorece aos granates, que seguen adiante na Copa Federación e estarán no sorteo dos cuartos de final da competición. Pibe anotou o tanto que adiantaba aos pontevedreses, que terminaron pedindo a hora

Partido de liga entre o Navalcarnero e o Pontevedra
Partido de liga entre o Navalcarnero e o Pontevedra /

Ao Pontevedra 'ponlle' a Copa Federación. O conxunto lerezano clasificouse para os cuartos de final da competición na que defende título, non sen sufrir, despois de rabuñar un empate (1-1) no Estadio Mariano González de Navalcarnero e polo valor dobre dos goles en campo contrariotras o 0-0 da ida.

Tomouno en serio Luismi, con só cun canteirán no once inicial, Iñaki, xunto a futbolistas que nos últimos encontros contaron con menos minutos como os irmáns Barbeito, Pibe ou Nacho Lorenzo, ademais de Adrián León, sancionado na liga, ou Álex Fernández, retomando o ritmo competitivo tras a súa lesión.

O encontro iniciouse con pouco ritmo e os granates, vestidos nesta ocasión de azul, aguantando ante o empuxe local pero sen conceder ocasións de claridade, máis aló dun disparo desde a frontal da área que atallou Rubén  Ualoloca con seguridade. Tampouco lograban profundar os pontevedreses,  conviertiéndose o xogo nunha disputa en zonas intermedias.

As escasas ocasións chegaban por parte do bando local, como ao fío da media hora nunha acción de Esnáider que o gardameta do Pontevedra desviou a córner.

Non foi ata os últimos minutos do primeiro tempo cando os homes dirixidos por Luismi empezaron a asomar ao área madrileña, pero sen conseguir concretar nos metros finais.

Tras o paso por vestiarios mantivo a calma o Pontevedra, sabedor que tras non encaixar na ida calquera gol poñería na súa man a eliminatoria. Ese tanto chegou nunha das primeira ocasións claras, á saída dun córner na que Pibe recolleu o esférico no pico da área para tirar a diagonal e tras aproveitar un rebote dun defensor conseguir bater a Héctor cun disparo cruzado case desde o punto de penalti.

Reaccionou o Navalcarnero, que deu un paso á fronte e apenas 4 minutos despois conseguía igualar por medio de Astray. Pero non quedou aí o cadro local, que pouco despois tras un erro de Nacho Lorenzo disparaba á madeira nas botas de Carlos.

O empate seguía favorecendo aos lerezanos, pero tocaba sufrir para conservar o resultado. Así seguiu o asedio cun man a man de Esnáider que salvou  Ualoloca e cun lanzamento de esquina que pegou directamente o traveseiro.

Foi así ata que a falta de 11 minutos o colexiado expulsaba ao local Manu por dobre amoestación. Con superioridade, aínda que o Navalcarnero seguiuno tentando, xa non sufriu tanto o Pontevedra podendo certificar o seu pase á seguinte rolda.

CDA NAVALCARNERO (1): Héctor, Fran Santano, Sergi (Mena, minuto 74), Manu, Carlos, Joya, Cifo (José Antonio, minuto 21), David López, Esnáider, Astray, Rodri (Juanito, minuto 70).

PONTEVEDRA CF (1): Ualoloca, Juan, Nacho Lorenzo, Campillo, Adrián León, Jesús, Iñaki (Álex González,minuto 70), Álex Fernández, Javi Pazos (Rivera, minuto 55), Pedro Vázquez (Antón, minuto 64), Pibe.

Árbitros: Diego Gay Vázquez, auxiliado nas bandas por Martín Consuegra e Rodríguez Giraldo (Madrid). Expulsou ao local Manu no minuto 79 por dobre amoestación.

Goles: 0-1 Pibe (min.59); 1-1 Astray (min.63).

Incidencias: Partido de volta dos oitavos de final da Copa Federación disputado no Estadio Mariano González de Navalcarnero.