'Chegar e encher' para e Club Natación Galaico no Campionato de España Open de Primavera e Júnior de Inverno que se disputa en Sabadell.
O club pontevedrés desprazou até a localidade catalá tres das ssúas deportistas, e na primeira xornada do campionato xa pisou o podio.
Logrouno na competición júnior Sofía Barros, ao ser a terceira mellor nos 400 libres para nadadoras de 16 anos.
A pontevedresa asinou unha marca de 4:22.51 para facerse co bronce nacional.
Só foi superada por Ona Rosell (4:18.00) do CN Tarraco e por Alba Rubio (4:19.37) do CN Marina-Cartagena.
Sofía Barros afronta no Campionato de España Júnior un programa exixente, ao estar inscrita tamén nos 200, 800 e 1.500 estilo libre.
En Sabadell o Club Natación Galaico conta ademais con Antía García (50 libre, 100 libre, 50 bolboreta, 100 bolboreta) e Rosalía Soler (100 bolboreta e 100 costas).
O Campionato de España Open de Primavera e Júnior de Inverno prolongarase aínda até o vindeiro domingo 9 de marzo.