"Sodes un orgullo, un bo exemplo e un modelo a imitar en todos os ámbitos da vida"

Pontevedra
13 de agosto 2021

O pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva foi o escenario elixido pola Xunta de Galicia para render homenaxe aos 25 deportistas galegos que conseguiron en Tokio os mellores resultados da historia do olimpismo galego

Recepción da Xunta á mellor e máis ampla representación de deportias galegos nuns Xogos Olímpicos
Recepción da Xunta á mellor e máis ampla representación de deportias galegos nuns Xogos Olímpicos / Mónica Patxot

A maior e mellor representación do deporte galego nuns Xogos Olímpicos deuse cita este venres no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quixo agradecer o extraordinario traballo realizado polos olímpicos galegos que se coroou cos mellores resultados da historia da Comunidade (sete metais e dez diplomas) desde que hai 100 anos os primeiros galegos participaron nunha cita olímpica.

"Sodes un orgullo, un bo exemplo e sodes un modelo a imitar en todos os ámbitos da vida", díxolles o presidente aos quince deportistas que puideron asistir ao acto organizado pola Xunta en Pontevedra, ao que non puideron acudir os outros dez que compuxeron a exitosa delegación galega de Tokio. Tal foi a emotividade do evento, que nin o sentido do humor do cómico David Amor, presentador da gala, puido evitar as bágoas de emoción de Teresa Portela e do propio Núñez Feijoo.

Pasadas as 11.30 horas da mañá, David Amor deu a benvida aos asistentes para ceder daquela a palabra ao secretario xeral para o deporte, Jose Ramón Lete Lasa, quen nun breve discurso enxalzou a calidade competitiva e humana dos representantes autonómicos. "Facedes que Galicia sexa máis grande e mellor", confesoulles.

Logo chegou a quenda das entrevistas aos auténticos protagonistas do día. Os primeiros en responder as retranqueiras preguntas do humorista foron os regatistas Iago López, Nico Rodríguez e Támara Echegoyen, cos que Amor chanceou sobre a vida a bordo dun barco non sen repasar os grandes éxitos cultivados polos tres deportistas ao longo de toda a súa carreira.

No mesmo ton distendido conversou cos atletas Adrián Ben, Belén Toimil e Ana Peleteiro, para continuar logo coa baloncestista Raquel Carrera, o seteiro Daniel Castro ou o boxeador Emmanuel Reyes. Co porteiro de balonmán Rodrigo Corrales e o triatleta Javier Gómez Noya, Amor puxo o foco na capacidade competitiva de ambos e na súa fortaleza para repoñerse ante as adversidades. Mentres que cos piragüistas Rodrigo Germade, Carlos Arévalo, Antía Jácome e Teresa Portela falou do espírito de equipo e a perseveranza sempre co humor como pano de fondo.

Despois de entregar un agasallo co selo de Sargadelos a cada un dos asistentes, tomou a palabra, en representación de toda a expedición, a seis veces olímpica e por fin medallista Teresa Portela. Con seis Xogos Olímpicos ás súas costas, non foi ata a cita de Tokio cando puido sacarse a espiña da medalla. Foi ao falar desa liberación e facendo referencia a Gómez Noya e Támara Echegoyen cando rompeu a chorar. "Póñome na vosa pel porque nestes Xogos non conseguistes o que buscabades, eu pasei por iso cinco veces. Non estaredes a gusto porque merecedes o ouro, pero hai que sobrepoñerse e ides conseguir grandes cousas", díxolles pedindo tamén aos deportistas máis novos e á sociedade en xeral que non hai que poñer o foco nos resultados senón nas horas de dedicación. 

Unhas palabras que chegaron ao corazón do presidente Núñez Feijoo, quen citou a todos os olímpicos galegos desde os primeiros debutantes en 1920 aos do 2021 sen ser capaz de continuar o seu discurso ao nomear a Teresa Portela. 

Aproveitou o dirixente autonómico a súa visita ao CGTD para anunciar a creación dunha Oficina de Atención ao Deportista que servirá para asesorar e axudar aos deportistas de elite para seguir ligados á súa profesión despois da súa retirada da alta competición. Ademais, no CGTD instalarase un pavillón exclusivo para o bádminton e na próxima convocatoria incluirase as disciplinas de natación e ximnasia artística na modalidade de tecnificación.