Silvia Aguete volve dous anos despois á lista de nomeadas a mellor gardameta do mundo

Pontevedra
10 de xaneiro 2022

A porteira pontevedresa do Marín Futsal é unha das 10 nomeadas ao galardón que outorga cada ano o portal Futsalplanet. Trátase dun premio que xa recibiu polas súas grandes actuacións en 2019

Silvia Aguete, no partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Joventut D'Elx FS
Silvia Aguete, no partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Joventut D'Elx FS /

Dous anos despois de ser elixida como mellor porteira do mundo despois da súa excelente tempada 2019, Silvia Aguete volve verse entre as mellores.

A gardameta pontevedresa do Marín Futsal foi incluída na lista de 10 finalistas dos premios anuais que outorga o portal Futsalplanet, regresando ao selecto club de nomeadas tras caerse o curso pasado por mor das lesións que lle deixaron boa parte da campaña en branco.

Silvia venceu hai dous anos na votación á portuguesa Ana Catarina Silva e a brasileira Ana Carolina Caliari, segunda e terceira, xogadoras que tamén repiten na lista. Fíxoo cando defendía a meta do Poio Pescamar nunha campaña na que entre outros logros conseguiu o título de campioa continental coa Selección Española.

Ademais optan ao premio as tamén brasileiras Bianca Castagnaro, Joziane de Oliveira 'Jozi' (Burela) e Missiara Luiza Papst 'Missi', a italiana Angelica Dibiase, a ucraína Viktoria Sagaidachna, a rusa Maria Surnina e a irlandesa Farzaneh Tavasoli Sis.