O pasado mes de marzo, xa en pleno confinamento, Silvia Aguete recibiu a noticia de que fora recoñecida como a mellor gardameta mundial de 2019 nos premios anuais do portal Futsalplanet.
Era o recoñecemento a unha longa e exitosa traxectoria pero tamén a moito esforzo. "Que a xente recoñeza o teu traballo é un orgullo", sinalaba entón a pontevedresa.
Agora, máis de sete meses despois, Silvia ten ao fin nas súas mans o galardón que a acredita como a mellor.
A xogadora do Poio Pescamar celebrou a chegada do seu premio coas súas compañeiras e corpo técnico do equipo, pousando todas xuntas sobre a pista do pavillón da Seca.
DERBI FRONTE AO VIAXES AMARELLE
O premio a Silvia Aguete supón todo un estímulo para un equipo que no deportivo afrontará este sábado (16.00 horas, TVG2) a cuarta xornada de liga. As vermellas, cun partido menos disputado, visitan a pista do Viaxes Amarelle coruñés coa intención de conseguir o seu segundo triunfo consecutivo e instalarse así desde o principio nos postos de honra do Grupo A. O seu rival pola contra tentará conseguir os seus primeiros puntos da tempada.
A mellor noticia para o técnico Manu Cossío está na portería. Despois do notable papel da canteirá Iria Varela en substitución da lesionada Silvia e a sancionada Caridad, o Poio volverá contar coa seguridade baixo paus das gardametas internacionais.