Silvia Aguete, protagonista nos penaltis para dar a España a súa segunda Eurocopa

Pontevedra
03 de xullo 2022

A Selección Española de fútbol sala proclamouse, por segunda vez consecutiva, campioa de Europa. A clara protagonista desta nova xesta foi a porteira do Marín Futsal Silvia Aguete, que se converteu nun auténtico muro durante a prórroga e na quenda de penaltis para dar a vitoria ás españolas

Silvia Aguete parando un dobre penalti na prórroga contra Portugal
Silvia Aguete parando un dobre penalti na prórroga contra Portugal / Selección Española Femenina de Fútbol

A Selección Española de fútbol sala proclamouse, por segunda vez consecutiva, campioa de Europa. A clara protagonista desta nova xesta foi a porteira do Marín Futsal Silvia Aguete, que se converteu nun auténtico muro durante a prórroga e na quenda de penaltis para dar a vitoria ás españolas.

As pupilas de Clàudia Pons sufriron, e moito, tendo que remontar un partido que se puxo complicado desde o principio.

Anotou Portugal cun gol de Ana Azevedo tras pase de Fifo, que correu toda a banda dereita para servir en bandexa o balón á súa compañeira, e poñía máis terra polo medio Pisko á saída dun saque de esquina, facendo o 2-0 que auguraba o peor.

Pero os partidos son longos, sobretodo se enfronte tes a unhas guerreiras que non se renden por nada do mundo. Así, Ale de Paz encargábase de reducir distancias cun forte disparo afastado que mandaba o partido en 2-1 ao descanso.

Despois do paso polos vestiarios chegou o momento do asedio español en portería portuguesa, chegando unha e outra vez para igualar o encontro aínda que sen fortuna. Con todo, impúxose a calidade de Ale de Paz por segunda vez e pegoulle ao balón con todas as súas forzas unha vez tocou o chan e endosándoo no interior das mallas cando tan só quedaba un minuto para o final, mandando así o partido á prórroga.

As ocasións para España seguiron chovendo, pero o esférico seguía sen querer entrar. Mentres, a bancada gritaba un "si se pode" que daba forza ás españolas para poñerse por diante por primeira vez no duelo. Silvia Aguete aparecía continuamente, implacable baixo paus nos momentos clave detendo dous disparos desde o dobre penalti, mentres María Sanz poñía á afección en pé cun golazo.

Con todo, Pisko aproveitou o xogo de cinco de Portugal a falta de pouco máis dun minuto para forzar a quenda de penaltis (3-3).

Xa nos penaltis, Silvia estivo implacable parando dous dos tres penaltis que lanzou Portugal, converténdose na indubidable protagonista da xesta.

Pola súa banda, as lanzadoras españolas non fallaron e Peque, Ame Romero, Mayte e Irene Córdoba enchufaron o balón para proclamar a España campioa de Europa por segunda vez.

PORTUGAL (3): Ana Catarina (P), Carla Vanessa, Catia Morgado, Ana Azevedo (C) e Pisko. Tamén xogaron: Odete Rocha (P), Lopes Pereira, Ines Fernandes, Fifó, Janice Silva, Sara Ferreira, Carolina Rocha, Carolina Pedreira e Ana Pires.

ESPAÑA (3): Silvia (P), Mayte, Peque, Ana Luján (C) e Dany. Tamén xogaron: Marta Balbuena (C), Noe Montoro, Laura Córdoba, Ale de Paz, Luci, Amelia Romero, Irene Samper, María Sanz e Irene Córdoba.

Goles: 1-0 | Ana Azevedo, min. 12. 2-0 | Pisko, min. 19. 2-1 | Ale de Paz, min. 20. 2-2 | Ale de Paz, min. 35. 2-3 | María Sanz, min. 44. 3-3 | Pisko, min. 49.