Silvia Aguete e Ale de Paz celebran a segunda Eurocopa de España renovando e fichando polo Marín Futsal

Pontevedra
04 de xullo 2022

A gardameta pontevedresa, decisiva este domingo no triunfo da Selección Española na final da Eurocopa en Portugal, seguirá un ano máis defendendo a camiseta do Marín Futsal na máxima categoría do fútbol sala nacional

Silvia Aguete, nos cuartos de final da Copa Galicia entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña
Silvia Aguete, nos cuartos de final da Copa Galicia entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña /

A súa gran tempada 2019 valeulle para ser nomeada como mellor gardameta do Mundo, e uns anos despois Silvia Aguete segue sendo decisiva e unha das mejhores gardameta do panorama internacional.

Demostrouno este domingo cunha espectacular actuación na prórroga e a quenda de penaltis da final da Eurocopa, na que logrou coa Selección Española o seu segundo título continental

Por ese motivo, poder gozar un ano máis da pontevedresa no pavillón da Raña é motivo de celebración para o Marín Futsal.

En plenos festexos pola Eurocopa o club marinense anunciou a renovación da gardameta por unha campaña máis. Será o seu segundo curso en Marín, pero en só un ano converteuse en "un dos piares do equipo", recoñecen a entidade do Morrazo. Por iso "estamos encantados de que siga unha tempada máis connosco", afirman.

A esta noticia súmase a fichaxe dunha xogadora de peso como Ale de Paz, internacional tamén coa Selección Española e clave no Europeo con dous goles na final. A futbolista, que nos seus últimos anos gañouno todo co Buerela Pescados Rubén e que tamén militou no Poio Pescamar, chega agora ao equipo da Raña para achegar un salto de calidade ao proxecto do equipo para o que será o seu segundo curso na elite.

A renovación de Silvia e a fichaxe de Ale de Paz son pasos importantes para o novo proxecto do Marín Futsal con Ramiro Díaz no banco, un plantel que conta xa con cinco nomes confirmados ao sumarse as dous internacionais ás súas compañeiras Adriana García, María León e a capitá Pau García.