A principios do mes de agosto Silvia Aguete anunciou oficialmente a súa retirada como xogadora profesional de fútbol sala, un deporte co que alcanzou o máis alto chegando a ser nomeada mellor gardameta do mundo e gañando ata tres título europeos coa Selección Española.
A pontevedresa abría unha nova etapa priorizando a súa vida laboral lonxe das pistas, pero non será unha despedida completa, e é que Silvia seguirá ligada ao seu deporte.
O Stellae Leis Pontevedra acaba de anunciar a súa incorporación ao staff técnico da entidade, na que xa militou durante os seus primeiros anos de carreira deportiva antes de fichar en 2013 polo Poio Pescamar.
Segundo confirmou a entidade, Aguete será a próxima tempada segunda adestradora do equipo sénior feminino, ademais de preparadora de porteiras.
Na súa retirada a xa ex-gardameta afirmaba que tocaba seguir disfruntando da súa paixón polo fútbol sala "desde outra perspectiva". Un novo punto de vista que finalmente será coa súa primeira experiencia nos bancos.