A fauna que habita os ximnasios é singular. Un pequeno intre nunha sala de musculación basta para darse conta de que os estereotipos existen. Os que se gravan mentres adestran, os que fan sons, os que se toman fotos no espello, os que acaparan o material... Unha infinidade de personaxes que o adestrador Álvaro Andrades soubo captar para converter as súas redes sociais no zoolóxico máis divertido da internet.
Con máis de 100.000 seguidores en Instagram, a popularidade de Andrades disparouse hai pouco máis dun ano cando comezou a subir pequenos vídeos ás súas redes caricaturizando a todos os tipos de usuarios que adestran no seu box de crossfit. "Non me esperaba esta repercusión, empezou de broma e nun ano subimos unha burrada", confesa aínda atafegado polo recoñecemento.
Foi ese éxito o que o trouxo a Galicia a pasada semana. "O tema de facer eventos saíu o ano pasado, sempre que nos chaman tentamos ir", sostén Álvaro, que non dubidou en aceptar a chamada de Box 004 para presentarse na nave do polígono do Vao en Pontevedra e deseñar un adestramento tan esixente como divertido para uns corenta usuarios que suaron gargalladas durante preto de dúas horas da man deste cómico adestrador.
As risas foron unha constante desde o quecemento e, para terminar, o instagrammer gravou un dos seus vídeos cos usuarios. Unha breve peza na que o cómico trata de atopar un oco para adestrar mentres se move pola sala tentando non levar ningún golpe por parte do resto de deportistas ao levantar pesas e facer exercicios de todo tipo.
A vea humorista saíulle a Álvaro tras a pandemia. "Despois do confinamento, volvemos abrir o Box. Polo aforo reducido teniamos menos clientes e tiña máis tempo, así que me puxen a crear contido, empezamos coa broma de facer vídeos de humor", relata o adestrador. Desde entón caricaturizou a toda clase de usuarios e todas as situacións que se viven durante o adestramento. Desde o que non para de poñer escusas ata o que se escaquea.
"As personaxes aparecen soas. Levo moitos anos dando clases e véxoos a diario. Está gracioso porque os meus clientes xa me din: 'non me vaias sacar nos vídeos'", declara entre risas. Con todo, aínda ten pendente a personaxe coa que máis se identifica: a que non ten tempo. "Esa persoa que en metade do adestramento tense que ir, é algo que me pasa moitas veces", confesa.
Aínda que o seu lado cómico saíu á luz hai pouco, o deporte forma parte da vida deste andaluz de 31 anos desde que ten memoria. "Levo adestrando toda a vida, empecei no ciclismo e logo saqueime a titulación de adestrador de sala de musculación. Despois especialiceime en crossfit. e xa levo oito anos", explica Andrades.
Como a case todo aquel que proba este tipo de adestramento, o crosstraining tamén enganchou a Álvaro. Non só polos resultados desta disciplina, senón por todo o que rodea aos box de crossfit. "O crossfit é familia, comunidade e moita xente que vén desconectar de todo o do día e adestrar. Nunha hora saes como novo. É o que máis gusta deste deporte", remata Álvaro Andrades, que tras a súa primeira visita a Galicia regresa á súa terra con nueevos seguidores e decenas de ideas para caricaturizar o crossfiter pontevedrés.