Sergio Troitiño, Ekaterina Rebón e Ángela Balado, flamantes campións de España Sub-21 e Cadete de Taekwondo

Pontevedra
17 de setembro 2024

Os deportistas do Mat's de Marín e do Número Phi lideraron o medalleiro pontevedrés nos nacionais celebrados en Torrevieja, Alacante

Sergio Troitiño, tras gañar a medalla de ouro no Campionato de España Sub-21 de Taekwondo
Sergio Troitiño, tras gañar a medalla de ouro no Campionato de España Sub-21 de Taekwondo / Federación Galega de Taekwondo

Grandes resultados os conseguidos polo taekwondo pontevedrés nos campionatos de España para as categorías Sub-21 e Cadete celebrados na localidade alacantina de Torrevieja.

Os sub-21 Sergio Troitiño (Mat's), Ekaterina Rebón (Número Phi) e a cadete Ángela Balado (Mat's) lideraron coas súas medallas de ouro un medalleiro pontevedrés que sumou unha prata e varios bronces e que tamén colaborou no ouro por equipos de Galicia Sub-21 en categoría masculina e a prata feminina e na xeral.

Troitiño superou ademais un arrefriado para vencer na categoría de -87 quilos na súa primeira competición tras o parón estival. Só tivo que afrontar dous combates ao comparecer como cabeza de serie e librarse da rolda inicial, gañando na semifinal a Aarón Marcos (Cataluña) en dous asaltos e na gran final a Alejandro Martín (Valencia). É o seu segundo título nacional sub-21 consecutivo e outórgalle ademais a clasificación para o próximo Campionato de Europa, no mes de novembro.

Ekaterina Rebón pola súa banda (-62 quilos) logrou o ouro Sub-21 no seu primeiro ano na categoría, superando ata catro combates para alzarse co título. Conseguiu chegar á final sen ceder un só asalto fronte a Malen Montero (Castela-León), Martina Torréns (Cataluña) e Irune Jiménez Navarra). Na pelexa polo campionato esperáballe a catalá Elsa Secanell, que levou o primeiro asalto e obrigou á caldense para remontar.

A medalla de prata pontevedresa conseguiuna Álex Pazos (Taekanart) en -58 quilos, superando tres comabates e cedendo só na final fronte a Jesús Fraile (2-0), mentres que os bronces conseguíronos Silvia Otero (Mat's) en -49 quilos e Yadira Reimúndez (Mat's) en -57 quilos.

ÁNGELA BALADO, OURO EN CATEGORÍA CADETE

A representación cadete comandouna en Torrevieja Ángela Balado (Mat's) ao proclamarse campioa de España no peso pesado. Superou ata catro combates vencendo a Giulia Martín (2-1), Maya Anagor (2-0), Alicia Palomino (2-0) e na final polo ouro a Paula Peña.

Nesta categoría sumou ademais unha medalla de bronce Nicolás Casas (-41, Mace Sport), mentres que por equipos Galicia levou o ouro feminino e o bronce na xeral.