Sergio Troitiño, bronce no Grand Slam de Wuxi para pechar unha semana de festín do taekwondo pontevedrés

Marín
09 de decembro 2024

O deportista marinense do Mat's pisou o podio nunha das competicións de maior nivel internacional, dando un paso máis na súa espectacular progresión

Sergio Troitiño tras conseguir o bronce no Grand Slam de Wuxi, en China
Sergio Troitiño tras conseguir o bronce no Grand Slam de Wuxi, en China / Real Federación Española de Taekwondo

Novo paso adiante na espectacular progresión de Sergio Troitiño.

O deportista marinense do Mat's pisou o podio nunha das competicións de maior nivel internacional, o Grand Slam de Wuxi, en China, pechando unha semana fantástica para o taekwondo pontevedrés polos resultados conseguidos tamén no Campionato de España de Clubs.

En China Troitiño fíxose coa medalla de bronce na súa categoría (+80 quilos), tras vencer en primeiro lugar o koreano Sangayun Kang en tres asaltos (7/6, 9/11, 7/3) e despois ao chinés Weihao Wang en dúas mangas (8/3,12/8). Chegou así ás semifinais, onde cedeu co uzbeko Shukhrat Salaev (13/3, 9/7).

En calquera outro torneo iso suporía xa medalla, pero no Grand Slam tivo que afrontar unha pelexa máis polo bronce, vencendo o chinés Hao Tang en tres asaltos (15/11, 3/9, 10/6) para facerse co prezado botín.

CAMPIONATO DE ESPAÑA

Antes da súa competición en China, Sergio Troitiño tivo tempo tamén de disputar o Campionato de España de Clubs en La Nucía, logrando a medalla de ouro para o Mat's. Ademais tamén se proclamou campioa a súa compañeira de club Arlet Ortiz, mentres que Iván García conseguiu a medalla de prata.

Catro medallas logrou pola súa banda o Taekanart pontevedrés, cun ouro de Elena Luís Rodríguez, un bronce de Brian Franco e en idade precadete cunha prata de Hugo Mallo e outro bronce de Enzo Barral.

Pola súa banda o Mace Sport de Pontevedra embolsou senllos bronces de Anxo Pazos (sub-21) e Nicolás Casas (cadete) e un ouro de Noa Martínez (precadete).

Por último polo Club Número Phi caldense Ekaterina Rebón sumou unha dobre medalla de bronce, unha delas na categoría sénior a pesar de contar con só 17 anos de idade, e a segunda na competición sub-21.