As despedidas nunca son agradables, e moito menos cando tes que dicir adeus a un dos piares máis importantes do teu equipo.
Este momento chegoulle ao Arosa e a Sergio Cotilla, que tras seis anos vestindo a camiseta arlequinada, pecha a súa etapa non só no club, senón como futbolista profesional.
Cotilla, que chegou a Vilagarcía na tempada 2019/2020 procedente do Rápido de Bouzas, disputou máis de 150 partidos coa camiseta do Arosa, convertíndose nun exemplo de arosismo rexoñecido polo club e afección.
Na súa carta de despedida, o xogador quixo agradecer "de corazón" o "apoio incondicional" aos afeccionados, "por todos e cada un dos berros de ánimo pola banda, pola calidade humana que demostrastes. Foron os anos máis bonitos da miña vida a nivel deportivo", afirmou.
"Cando asinei aquí, dixen (e non me equivoquei) que me retiraría xogando na Lomba e aquí estou, despedíndome de vós e tentando que sintades o mesmo agarimo que eu recibín. Podo dicir orgulloso que o obxectivo polo que fichei está cumprido. 160 partidos como arlequinado, 4 play offs e entre eles un ascenso. Despois de todo isto e xogar convosco en Segunda Federación teño claro que como mínimo ese é o noso sitio e que voltaremos", subliñou.
Así mesmo, agradeceu aos corpos técnicos e á directiva ao longo destes anos, "especialmente a Manolo e Rosario pola confianza e o coidado". Tamén lembrou a Rafa Sáez, "co que cheguei a este club", e "a todos os meus compañeiros por ensinarme tanto, por crecer conmigo no deportivo e no persoal".
"Levo moitos anos gozando deste deporte e a pesar de que fisicamente me quedan moitos quilómetros que correr, sinto que chegou a hora de pechar esta etapa. Un sempre sabe cando chega o seu momento. Vou sabendo que volverei loitar con todos vós desde a bancada", concluíu o xogador.
Para despedir a Sergio Cotilla como merece, no próximo partido na Lomba o club faralle entrega dun obsequio para lembrar os seus anos como xogador do equipo.