A Copa do Mundo de Tríatlon de Pontevedra pechouse este domingo 24 de xullo cunha emocionante carreira elite masculina, na que moitas miradas estaban postas no vigués Antonio Serrat, dorsal número 1 por ranking.
O deportista do CGTD rozou cos dedos o triundo na casa, pero tivo que conformarse finalmente coa medalla de prata ao ser superado nos últimos instantes da carreira a pé polo tamén español Sergio Baxter.
Despois dunha mañá nubrada, o sol asomou na Boa Vila para gozar da carreira masculina da Copa do Mundo, unha proba que testaba á cidade para a Gran Final das Series Mundiais 2023 e que deixa ganas de máis. Haberá que esperar ata setembro do próximo ano.
Foron 68 os deportistas de múltiples nacionalidades os que se presentaron na liña de saída, no pantalán instalado no río Lérez xunto á ponte dos Tirantes.
O francés Valentin Morlec foi o primeiro en completar os 1.500 metros de natación, pero sen grandes diferenzas, e desde os primeiros compases dos 40 quilómetros de ciclismo formouse un grupo de máis de 40 triatletas entre os que estaban os grandes favoritos, como Serrat, Brau e outros tres españois como Jordi García, Genis Grau e Antonio Benítez.
Conforme avanzaba a proba e aproximábase a transición final todo apuntaba cara aos 10 quilómetros de carreira a pé polo vistoso circuíto habilitado polo centro da cidade. Moi cedo, desde a primeira volta, formouse un trío de cabeza co suízo Max Studer e os españois Baxter e Serrat.
Por detrás ninguén lles chegaba a inquietar, e entre eles estaría o caixón. Foron xuntos ata a volta final, cando Sergio Baxter terminou impoñéndose cun tempo de 1 horas, 47 minutos e 3 segundos, por diante do 'local' Antonio Serrat, segundo a só 9 segundos. O bronce sería para o representante suízo a 14 segundos.
Spain dominates the podium with victory for Sergio Baxter Cabrera who wins gold in #PontevedraWC and silver for Antonio Serrat Seoane. Max Studer SUI holds onto the bronze medal.
— World Triathlon (@worldtriathlon) July 24, 2022
A brilliant and brave fourth place for Barclay Izzard who ran solo for most of the 10km run. pic.twitter.com/tYOebwv0GK
Outros tres españois finalizarían no top-10, con Genis Grau quinto, Jordi García oitavo e Antonio Benito en décimo lugar.
Un peche brillante para unha Copa do Mundo que volveu a colocar a Pontevedra no centro de todas as miradas do tríatlon internacional.
Consulta aquí as clasificacións da carreira elite masculina da Copa do Mundo de Pontevedra.