Pablo Dapena está decidido poñer o broche de ouro a outra tempada brillante. Se no 2018 o triatleta pontevedrés coroouse campión do mundo e subcampión de Europa en longa distancia, no 2019 os retos non foron menos ambiciosos. O primeiro, o mundial da súa disciplina favorita celebrado en Pontevedra, superouno con nota e cunha medalla de prata colgando do pescozo tras unha carreira que quedará para sempre no recordo dos fans do tríatlon e dos pontevedreses.
O segundo era lograr o billete para o Ironman 70.3 que se celebra o 7 de setembro en Niza. E conseguiuno á primeira. Na cidade francesa agarda a elite deste deporte. Pero Dapena non lles teme, está motivado e seguro de poder alcanzar o obxectivo de acabar entre os 10 primeiros. "E xa estou a pedir moito con toda a xente que vai competir", sostén con humildade despois de mencionar a especialistas como Javier Gómez Noya, Fernando Alarza, Alistair Brownlee, Patrick Lange, Blummenfelt, Heemeryck, Von Berg, Sebastian Kienle... Pero el sabe que o seu nome tamén figura na lista de triatletas a vixiar moi de preto dos seus rivais.
Aínda así o camiño para clasificarse non foi sinxelo. "Para o Mundial 70.3 Tentei clasificarme a dúas balas. Unha no 70.3 de Rapperswill, en Suíza. Quedei segundo pero xa me clasifiquei porque o primeiro, Andy Boecherer, xa estaba clasificado", lembra. Aínda que xa cumprira o obxectivo, Dapena foi a por a segunda bala e o resultado foi tamén extraordinario. Colgouse o bronce no Europeo de Elsinore, en Dinamarca, por detrás de Rudy von Berg e Gómez Noya.
Con todo, a dureza da tempada está a empezar a facer efecto no físico do triatleta do BMC Vifit Sport. "Non estou como me gustaría. Máis por culpa da escordadura de nocello e de todas as feridas que polos propios adestramentos. Non queda outra máis que recuperar ben o corpo e prepararse para o que vén", afronta con valentía o pontevedrés. Por diante ten 1,9 quilómetros de natación, 90 de bicicleta, 21,1 de carreira a pé e unha infinidade de interminables sesións de adestramento ata a cita do 7 de setembro.
E aínda que agora está completamente centrado neste mundial, tras a carreira de Niza aínda queda unha proba máis para gozar do espectáculo que ofrece Dapena en cada carreira. Será en Pontevedra, o 12 e 13 de outubro, na primeira edición do Pro Tour que reunirá na contorna do Lérez aos mellores triatletas do país.