"Levantámonos", asegura o adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Juan Señor, en relación á dolorosa derrota do seu equipo en Talavera e a poucas horas de recibir no Estadio Municipal de Pasarón un dos conxuntos máis en forma da categoría, Unionistas de Salamanca (sábado, 19.00 horas).
Defende o técnico que os seus xogadores "están absolutamente concienciados de que a vitoria é o único que nos vale", aínda que para iso será necesario axustar diferentes aspectos do rendemento dos seus.
"Vai facer falta ter o balón un pouquiño máis. Vai facer falta un sacrificio solidario e defensivo e á súa vez intelixente, e fai falta que cambien un pouco as tornas, traballámolo esta semana, nesas xogadas nas que non estamos mal colocados pero xorde unha mínima dúbida, un mínimo desaxuste que nos penaliza demasiado", analizou o técnico en relación aos erros defensivos que custaron a derrota na última e importante xornada.
"Espero que iso cambie e a partir de aí a actitude vai ser boísima. Teremos en fronte un rival que traballa ben, que vén en dinámica positiva e que o loita todo, así que nós temos que ser máis intensos que eles ou máis á hora de recuperar o balón, porque unha vez recuperado este equipo sabe como facer dano ao rival", defende Señor.
O preparador granate poderá contar para a cita con todo o plantel a exepción do lesionado Luís Martínez e do terceiro gardameta, Viktor Nikolov.
A tres xornadas para o final da competición e con 6 puntos de desvantaxe sobre a zona de permanencia, todo o que non sexa gañar pode condenar definitivamente os granates. Diametralmente oposta é a situación dun Unionistas que pasou de pelexar por non descender a ilusionarse con entrar no play-off de ascenso. Téñeno a só 5 puntos tras unha espectacular xeira nas últimas 10 xornadas (8 vitorias, 1 empate e 1 derrota).
O equipo salmantino chegará á Boa Vila acompañado dun nutrido grupo de afeccionados.