Cun cartel de luxo pero cunha ausencia destacada. Así se presenta o Campionato de España Absoluto de Marcha en Ruta, na distancia de 35 quilómetros, que se celebrará o vindeiro domingo 9 de marzo en Marín.
Trátase dunha proba mítica no atletismo internacional, pero que deixou de ser olímpica por sorpresa no último ciclo, o que fai que algúns especialistas prefiran centrarse en distancias máis curtas.
É o que pasará presumiblemente coa gran figura da marcha española, María Pérez, flamante dobre medallista nos Xogos Olímpicos de París 2024 (ouro na remuda e prata nos 20 quilómetros).
A andaluza, campioa mundial en 2023 na distancia que se correrá en Marín, será a gran ausente da cita, aínda que o cartel seguirá a ser de luxo.
Na proba feminina será unha das grandes favoritas ao triunfo a pontevedresa Antía Chamosa, internacional e parte do equipo español en París 2024 aínda que ao final non chegase a competir.
Tamén estarán en Marín a internacionais Laura García-Caro, diploma olímpico nos últimos Xogos e que en 2022 foi sexta no Mundial de 35 quilómetros; Cristina Montesinos, bronce na Copa de Europa en 2023 e tamén parte do equipo olímpico; e Raquel González, sumbcampioa europea de 35 km en 2022.
Na proba absoluta masculina tampouco faltarán nomes destacados xunto ao local e motivado Daniel Chamosa.
En Marín estarán outros olímpicos como Miguel Ángel López, campión europeo (35 e 20 quilómetros) e mundial (20 km), ou Marc Tur (cuarto en Tokyo en 2021).
As carreiras tanto absoluta masculina como feminina sobre 35 quilómetros teñen prevista a súa saída á primeira hora da mañá do domingo (8.30 horas), competindo nun circuíto que atravesará a Avenida de Ourense.
Ademais disputaranse o Campionato de España Marcha Federacións Autonómicas Sub-20 e Sub-18 (10km) e o Sub-16 (5km), con saídas previstas no primeiro caso ás 11.30 e 12.25 horas e no Sub-16 ás 13.45 e 14.20 horas.