Sen bombazo na Copa: O Pontevedra recibirá o Mallorca en Pasarón

Pontevedra
09 de decembro 2024

A sorte foi esquiva ao Pontevedra, que tiña moitas posibilidades de enfrontarse a un dos grandes do fútbol español máis de medio século despois. Repítese o duelo de hai dúas tempadas

O Mallorca será o rival do Pontevedra na Copa do Rei
O Mallorca será o rival do Pontevedra na Copa do Rei / RFEF

O Pontevedra Club de Fútbol xa ten rival para o cruzamento de 1/16 de final da Copa do Rei, pero quedou sen o premio gordo.

O conxunto granate, como un do catro equipos de Segunda RFEF sobreviventes no torneo, tiña destinado como rival aos equipos que disputan este ano a Supercopa de España (Real Madrid, Barcelona, Athletic Club ou Mallorca).

Todo o mundo soñaba con recibir máis de medio século despois un dos grandes, pero o rival será o Real Mallorca, que xa visitou hai pouco o Estadio Municipal de Pasarón.

Repítese de feito a eliminatoria de hai dúas tempadas, xogada tamén no principio do ano, na que o conxunto balear pasou de rolda na prórroga tras un empate sen goles no tempo regulamentario.

Trátase en todo caso de todo un campión da Copa do Rei (gañouna no ano 2003), e que marcha actualmente oitavo en Primeira División moi preto dos postos europeos.

Será un cruzamento que de novo se disputará a partido único, e no que a Boa Vila soñará con dar a badalada como sucedeu contra o Villarreal ou ante o Levante da Segunda División.

A falta agora de que se concreten os horarios dos partidos, o Pontevedra-Mallorca xogarase a primeira semana do mes de xaneiro ao estar fixada a rolda copeira para os días 3, 4 e 5.

Todo un agasallo de Reis para os afeccionados pontevedreses, aínda que non sexa o que pediran na súa carta.