Semana de renovacións e fichaxes no Marín Peixegalego

Marín
31 de agosto 2024

Semana de gran actividade no Marín Peixegalego en canto a renovacións e fichaxes refírese. O club anunciou a continuidade de Mateo Bello e Miguel Paz e a chegada de Wildens Leveque e Manu Varela

Mateo Bello, nun partido co Peixegalego
Mateo Bello, nun partido co Peixegalego / Marín Peixegalego

Semana de gran actividade no Marín Peixegalego en canto a renovacións e fichaxes refírese.

O club anunciou a continuidade de Mateo Bello, quen, xunto a Miguel Paz, disputará o seu segundo ano ás ordes de Javi Llorente.

Bello, coñecido por ser unha peza crave na columna vertebral do equipo, destaca por achegar "intanxibles, enerxía e defensa", sendo un xogador esencial para o esquema de xogo do conxunto.

Pola súa banda, o base Miguel Paz, que chegou a pasada tempada procedente do Obradoiro, seguirá formando parte da liña exterior xunto a Javier Cardito.

No capítulo de fichaxes, o Peixegalego confirmou a chegada do estadounidense Wildens Leveque. Cunha altura de 207 centímetros, Leveque ocupará as posicións de pivote e á pivote. Formado na NCAA nos programas de South Carolina e UMass, destaca polo seu poderío físico e intimidación baixo os aros.

Ademais, o equipo  incorporou a Manu Varela, un xogador de 22 anos que regresa ao club tras o seu paso por Porriño, Bosco Salesianos e Coto Córdoba na última tempada. Formado na canteira do club, Varela xoga principalmente como escolta, aínda que tamén pode desempeñar funcións de base. A súa principal achega, destacan desde o club, "será o tiro exterior". O xogador xa tivo a oportunidade de debutar en EBA durante a tempada do récord e ascenso á antiga LEB Prata baixo a dirección de Javi Llorente.