O primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol iniciou oficialmente as vacacións e non volverá adestrar esta tempada.
Xogadores e corpo técnico foron convocados este luns no Estadio Municipal de Pasarón para despedir a tempada e devolver o material deportivo.
Ademais moitos dos futbolistas, con e sen contrato en vigor, empezaron a desfilar polas oficinas da entidade para liquidar a tempada e, segundo o caso, pechar a súa etapa no club ou empezar a falar das posibilidades de continuar ou mesmo de rescindir contrato.
Algúns deses encontros xa se produciron a fin de semana, tras o encontro co Deportivo, con xogadores que tiñan previsto abandonar a cidade.
Cabe lembrar neste aspecto que son nove os futbolistas que no seu momento asinaron un contrato co Pontevedra que expiraba en 2024 e non ao final da actual campaña, aínda que o descenso pode supoñer igualmente a saída dalgún deles. Trátase de Álex González, Yelko Pino, Rufo, Ángel Bastos, Luis Martínez, Borja Domínguez, Jon Bakero, Viktor Nikolov e Oier Calvillo, que prolongou un ano máis a súa vinculación co club antes de saír cedido no mercado de inverno.
Estes días está tamén previsto resolver a situación co adestrador Juan Señor, que termina a súa relación co club ao non terse activado a cláusula de renovación que establecía o seu contrato no caso de lograr a permanencia na Primeira RFEF.
A semana estará marcada ademais polo partido homenaxe a Charles, dentro dos actos pola súa despedida do fútbol en activo, e que se celebrará o vindeiro mércores 31 de maio (19.30 horas) no Estadio Municipal de Pasarón.