O Pavillón Municipal de Pontevedra acolleu este sábado un novo encontro da Sociedade Deportiva Teucro. Coa moral alta tras a vitoria lograda na súa visita a Lalín na xornada anterior, os de Irene Vilaboa recibiron ao terceiro clasificado da División Honra Prata, o Ibiza. Aínda que se trataba dun duelo complicado, o conxunto pontevedrés plantou cara ao seu rival para facerse con outros dous puntos que os permiten soñar coa permanencia.
O Teucro comezou o encontro moi precipitado en ataque, cometendo erros nos pases e nos lanzamentos, cedendo para que o Ibiza levase a iniciativa no marcador durante os primeiros minutos. Puxéronse por diante os de azul grazas aos tantos deMarko Dzokic e Manuel Iglesias, pero enseguida retomaron a vantaxe os visitantes (min. 10, 4-6).
Nese momento chegou a inspiración para os de Irene Vilaboa, que endosaron un parcial de 6-2 aos de laranxa que lles volvía a dar a superioridade no luminoso (min. 16, 10-8). O Ibiza reaccionaba de cheo e empataba para dar paso aos minutos de maior igualdade.
Aínda que o Teucro conseguía facerse co dominio no marcador por momentos cun máximo sempre de dous goles, os visitantes lograban antepoñerse e facerse fortes en defensa para non deixar aos de Pontevedra escaparse cunha maior diferenza, chegando ao descanso cun 17-16 e todo por decidir na segunda metade.
Saíu enchufado Fede Wermbter tras o paso polos vestiarios e, coma se tivese un imán, parou catro ataques consecutivos do Ibiza. Mentres, os seus facían o que podían diante de portería rival e anotaban un parcial de 2-0 que poñía o 19-16 cando se alcanzaba o minuto 5.
Os visitantes rompían a súa serie sen marcar e quedaban a tan só un gol dunha igualada que non chegaba, xa que o Teucro apertaba cando vía que a vitoria pendía dun fío.
Sen máis pena nin gloria alcanzáronse o últimos dez minutos de encontro. Dzokic e Remeseiro colleron as rendas para poñer o 25-22 no marcador, obrigando ao técnico do Ibiza a parar o cronómetro. Foi efectivo o tempo morto xa que o Ibiza volveu quedar a tan só un gol do empate (min. 24, 26-25).
O Teucro non se daba por vencido e golpeaba ao seu rival para irse de novo cunha pequena vantaxe de tres goles que se reduciu a dous antes de que soase a bucina.
Finalmente, 28-26 no marcador e segunda vitoria consecutiva para un Teucro que xa soña coa permanencia na División Honra Prata.