O estado de depresión agrávase na Sociedad Deportiva Teucro, que marcha ao parón do Nadal da Liga Asobal con malas sensacións e en postos de descenso.
Os azuis pagaron moi cara este mércores en Benidorm a súa mala imaxe na primeira metade, no que supoñía o peche da primeira volta da competición. Certo é que chegaban no medio de problemas, físicos nalgúns xogadores traducidos nas baixas de Dani Hernández e Iván Fernández e extradeportivos coa inesperada marcha de Natan Suárez, pero esta vez os pontevedreses non foron capaces de crecer ante a adversidade e encaixaron unha merecida derrota (34-25).
Comezou mandando o cadro local, máis convencido de lograr dous puntos que tamén lle eran necesarios para cortar unha mala serie, cunha tímida resistencia teucrista que durou 6 minutos (3-2). Desde ese momento de novo os erros e unha defensa que daba facilidades achandaron o camiño do Benidorm. Así, os alacantinos marcaron un parcial de 5-0 (8-2, minuto 11) que obrigaba a Luís Montes a pedir tempo morto.
De novo un mal inicio de partido penalizaba, e o Benidorm aproveitouno para lograr unha renda importante. Non axudou tampouco a notable actuación de Mijuskovic na portería, chegando a acumular un 65% de efectividade (11-5, minuto 18).
Ao descanso o Teucro recibira unha vintena de goles (20-11), cunha desvantaxe que se antollaba insalvable. Tentouno a pesar de todo o equipo pontevedrés, que mellorou sensiblemente en defensa tras o paso por vestiarios, encaixando só 3 tantos nos primeiros 12 minutos axudado por tres paradas de Santana, que substituíra a Lloria no intermedio, e forzando ao técnico local a parar o partido (23-18) ante a reacción.
Con todo o Teucro era outro. Aplicábase con maior intensidade e iso traducíase tamén en transicións máis efectivas en ataque para chegar a poñer o 25-23 con 13 minutos por diante. Os azuis estaban de novo e contra prognóstico no partido, pero non aguantaron o ritmo. Pagaron o esforzo realizado e o Benidorm recuperouse para ampliar de novo a súa vantaxe e terminar levando o partido.
Ao final derrota clara e xusta dun equipo que necesita mellorar para loitar pola permanencia na máxima categoría. O mellor, o máis de mes e medio de parón da Liga Asobal para resetear e pensar en todo o que queda por diante. Ademais, no horizonte próximo aparece unha eliminatoria da Copa do Rei que debe servir para recobrar a confianza perdida.
BM BENIDORM (34): Mijuskovic, Porras (4), Pablo Simonet (1), Pavan (2, 1p), Dapiran (6, 3p), Cabanas (8), Skillhammar (1) -siete inicial- Marchan (4), Rivero, Robles (2), Carlos Grau (4), Revin, Calderón (1), Iván Rodríguez (1), Leonardo Vial, Conca.
SD TEUCRO (25): Lloria, Moyano (4), Rial (3), Cutura (8, 4p), Gehrhardt (1), Domingo Luis (1), Sergio Pérez (2) -siete inicial- Quintas, Samu Gómez (3), Fischer, Cangiani, Samuel Pereiro (2), Santana (1).
Árbitros: Colmenero Guillén e Rollán Martín. Excluíron a Revin, Dapiran e Carlos Grau no Benidorm e a Moyano, Rial, Gehrhardt, Fischer (2) e Samuel Pereiro no Teucro.
Marcador cada cinco minutos: 2-1, 7-2, 10-4, 13-5, 16-8, 20-11, descanso, 20-13, 23-15, 24-21, 27-23, 30-25, 34-25.
Incidencias: Partido da xornada 15 da Liga Asobal disputado no Palau d'Esports l'Illa de Benidorm.