Hai dez meses, o 'Xiquitas team' liderado por Támara Echegoyen facíase co ouro nos Xogos Olímpicos de Londres. Desde entón apenas se xuntaron para volver competir xuntas. A decisión do COI de eliminar a clase Match Race do programa olímpico de vela fixo que se separasen para preparar novas especialidades de face a Río de Janeiro. Pero están demostrando en Corea do Sur, unha vez máis, que o seu triunfo non foi froito da casualidade.
Támara Echegoyen e Sofía Touro, acompañadas de Lara Cacabelos, Eva González e Mariana Lobato, están a un paso de conseguir o triunfo no Mundial de Match Race que se está disputando en Busan (Corea do Sur). A súa participación neste campionato non pode ser máis deslumbrante. Clasificáronse para a final sen perder nin unha soa das regatas. Os seus 25 flights (enfrontamentos uno contra un) cóntanse por vitorias.
O último logro deste equipo, con Támara Echegoyen á cana, chegou no seu duro enfrontamento de semifinais contra o barco australiano, liderado por Katie Spithill. Fixérono por 3-0, aínda que o resultado non reflicte a dificultade coa que se atoparon as españolas. Especialmente na primeira das regatas. As australianas lideraron case toda a proba, pero aproveitaron peor o vento na parte final, sendo superadas polo barco español.
CAMIÿO CARA Á FINAL
A impecable traxectoria do equipo español comezaba xa na 'round robin' ou rolda clasificatoria. Támara Echegoyen e as súas compañeiras varreron ás súas rivais desde o primeiro día. Pecharon a primeira fase con 16 vitorias, tras derrotar en dúas ocasións a cada unha das demais embarcacións. Especialmente importantes para elas foron os dous triunfos sobre outra das favoritas, o barco liderado pola rusa Ekaterina Skudina.
O seu primeiro posto nesta fase inicial permitiu ao 'Xiquitas team' enfrontarse a o, teóricamente, rival máis débil, o equipo capitaneado pola neozelandesa Claudia Pierce. Só gañaran cinco regatas nesta primeira rolda. E as españolas superáronas pola vía rápida. Nunha rolda de cuartos de final ao mellor de cinco enfrontamentos, clasificáronse para semifinais tras un contundente 3-0.
Tras colocarse na final, tras impoñerse tamén en semifinais por 3-0, Támara Echegoyen, Sofía Touro, Lara Cacabelos, Eva González e Mariana Lobato aínda non coñecerán ata mañá domingo quen será o seu rival polo título. O seu último obstáculo sairá da outra semifinal da proba, que enfronta aos equipos da rusa Ekaterina Skudina e a danesa Padiola Ulrikkeholm. A falta dun 'flight', ambas empatan a dúas vitorias.
No caso de vencer neste campionato, o 'Xiquitas Team' de Támara Echegoyen sumará ao seu brillante palmarés o único gran título que lles falta dentro desta clase. Será un broche de ouro para esta aventura profesional destas mozas que, pasado este paréntesis, volverán centrarse na súa preparación para os Xogos Olímpicos de Río de Janeiro. No caso da pontevedresa, na clase 49er FX.