Ganas de quitar a espiña no Pontevedra C.F. tras o emparellamento co Mallorca na Copa

Pontevedra
09 de decembro 2024

Lupe Murillo, presidenta do club, esperaba este choque antes do sorteo no que o club granate perdeu a oportunidade de enfrontarse ao Real Madrid ou ao F.C. Barcelona. O capitán Álex González espera que Pasarón volva encherse para esta cita e agarda repetir unha fazaña

Lupe Murillo e Álex González en Pasarón
Lupe Murillo e Álex González en Pasarón / PontevedraViva

Con tranquilidade viviuse o sorteo dos dezaseisavos de final da Copa do Rei en Pasarón, que foi seguido por xogadores do plantel no ximnasio.

Álex González, capitán granate, afirmaba que se trata dun duelo con sabor a desquite para o Pontevedra CF, que se medirá ao RCD Mallorca, equipo que hai dous anos eliminou os granates na prórroga.

Malia que non tocou nin o Real Madrid nin o FC Barcelona, as reaccións no Estadio de Pasarón tras coñecerse o emparellamento reflectían confianza de poder afrontar unha nova proeza tras eliminar o Levante e o Vilarreal.

Jacobo Maestre, coordinador da secretaría técnica do club galego, manifestou a súa confianza no equipo: "Temos unha espiña cravada con eles e imos tentar devolver o Mallorca o que nos quitou hai dous anos".

Maestre destacou a capacidade do equipo demostrada nas últimas eliminatorias e chamou á afección a encher Pasarón.

Álex González salientou o valor do momento: "Para nós é un premio estar aquí. Cremos cando xogamos contra o Levante, cremos contra o Vilarreal, e creremos contra o Mallorca", lembrando que o Vilarreal é actualmente quinto na liga española.

"É un sinal de que fixeches algo ben. Creo que máis que lamentar porque non tocou o Madir ou o Barcelona, como pode pensar a xente, o importante é dar un pouco de valo a estar aí, ao que fixeches previamente", sinalou o xogador.

O capitán granate lembrou o alto nivel do rival, finalista da última Copa do Rei, pero subliñou a importancia de manter a proposta de xogo que os levou até esta rolda e espera que non se repitan as circunstancias meteorolóxicas adversas de cando caeron eliminados na 2022-23 polo Mallorca.

A presidenta Lupe Murillo, quen aseguraba que esta mañá xa presaxiaba este emparellamento, confirmou que os prezos serán similares aos do partido contra o Vilarreal.

"Agardamos o cheo en Pasarón. E o espíritu dun Pasarón invencible, que pode derrotar aos de primeira e segunda, esperamos volver vivilo neste mes de xaneiro", sinalou a presidenta do club granate.

Fixo un chamamento ao "Hai que roelo" e destacou a expectación que está a xerar na afección a Copa do Rei e a boa marcha do equipo no campionato ligueiro: "Ás 9 da mañá xa había cola en Pasarón para facerse socios".

O conxunto pontevedrés, actual líder do seu grupo en Segunda RFEF, quere prolongar a súa andaina copeira ante un Mallorca que actualmente ocupa o oitavo posto en Primeira División.

Álex González e Jacobo Maestre
Álex González e Jacobo MaestrePontevedraViva