Satisfacción no Poio Pescamar ante os cambios na competición de liga e copa

Poio
31 de xullo 2019

A introdución dun play-off polo título entre os catro mellores equipos da liga regular "me parece fantástico, nos abre a todos un poco la lucha por el cuarto y tercer puesto", defende o presidente do club conserveiro, Juanjo García. A Federación revoluciona ademais a Copa da Raíña, na que entrarán equipos de Primeira e Segunda División

Partido entre o Poio Pescamar e o UCAM Murcia na Seca
Partido entre o Poio Pescamar e o UCAM Murcia na Seca / Diego Torrado

A tempada 2019/2020  terá importantes cambios na competición do fútbol sala nacional feminino, unhas modificacións que gustan no principal conxunto da comarca, o Poio Pescamar.

O conxunto conserveiro ten entre cella e cella relacionarse entre os mellores da máxima categoría e, por que non?, pelexar nalgún momento por un título que sería histórico, unha opción que podería estar máis preto co novo modelo de liga aprobado polo Comité Nacional de Fútbol sala da Real Federación Española de Fútbol.

A principal novidade radica no sistema que decidirá o campión de liga, xa quese instaurará un play-off entre os 4 mellores equipos da liga regular. Se ese sistema estivese implantado no curso recentemente finalizado, as vermellas, que quedaron a 21 puntos do liderado, terían estado a só 3 puntos de pelexar polo título. Ademais os descensos pasarán de 3 a 4 prazas.

"El play-off a cuatro me parece fantástico, nos abre a todos un poco la lucha por el cuarto y tercer puesto. Somos muchos los equipos que querremos luchar, pero tendremos esa ilusión", sinala o presidente do club conserveiro, Juanjo García.

A segunda gran modificación afectará á Copa da Raíña, que ata agora disputaban os 8 mellores equipos do campionato ligueiro e que se abre non só aos 16 equipos de Primeira División, senón a outros 16 de Segunda. Iranse disputando sucesivas eliminatorias ata chegar a unha final a 4 que decidirá o campión e que se celebrará nas mesmas datas e sede que a Copa do Rei masculina.

"A mí me gusta, jugar siempre en casa del peor clasificado, de peor categoría, aunque sí que voy a echar en falta el espectáculo de los 8 mejores y le hemos pedido que estudien para otro año crear una Copa de España", explica García.

Ademais, o dirixente do Poio Pescamar valora positivamente a elaboración do calendario de competición, que ao contrario que os últimos anos apenas incluirá paróns durante a liga, favorecendo o seguimento dos afeccionados.