Satisfacción en Poio pola alta participación nas Escolas Deportivas Municipais

Poio
14 de novembro 2023

O programa municipal de fomento do deporte de base conta este curso con 740 nenas e nenos rexistrados en 15 modalidades deportivas 

Cándido Muíños visita a escola municipal de taekwondo
Cándido Muíños visita a escola municipal de taekwondo /

As Escolas Deportivas do Concello de Poio atópanse funcionando a pleno rendemento, con ata 740 nenas e nenos rexistrados nas 15 modalidades deportivas ofertadas.

A cifra supón, asegura o goberno local, superar en máis dun cento a participación do pasado curso.

Así o expresaron tras a visita do concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, á escola deportiva de taekwondo nun dos seus adestramentos no ximnasio da Seca.

Afirma Muíños que "a oferta é ampla e está pensada para que os menores gocen do seu tempo de lecer mentres adquiren hábitos de vida saudables".

En concreto as escolas deportivas contan este curso escolar con oferta de fútbol e fútbol sala, balonmán, baloncesto, tríatlon, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, kaiak-polo, atletismo, kick-boxing, rugby e vela, sendo as máis demandadas fútbol e fútbol sala, seguido do ciclismo, balonmán, o atletismo e a ximnasia rítmica. 

O Concello de Poio lembrou ademais que outorga aos clubs unha axuda de 100 euros por neno e curso para sufragar gastos de mantemento.