Satisfacción en Caldas tras a celebración do 'Trail Laxe dos Bolos'

Umia
23 de abril 2024

Os deportistas caldenses Yago Abeledo e Fernando Lorenzo fixéronse coa vitoria do Desafío Xiabre e do Trail de Santa María

I Trail Laxe dos Bolos
I Trail Laxe dos Bolos / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis xa pensa en repetir experiencia tras o éxito organizativo que supuxo ao seu xuízo o I Trail Laxe dos Bolos, que congregou a fin de semana preto de 250 deportistas.

"O bo tempo fixo que o percorrido fose cómodo, a xente está encantada e con ganas de repetir. E nós tamén. De feito, xa estamos a pensar na seguinte edición, onde introduciremos seguramente algunhas novidades", confirma o tenente de alcalde, Manuel Fariña.

A proba longa, o 'Desafío Xiabre', de 27 quilómetros e máis de 1.200 metros de desnivel acumulado positivo, decidiuse ao sprint, facendo o mesmo tempo os dous primeiros corredores masculinos, Alexandre Otero (CDM Vértice) e Yago Abeledo (CDM Xesteiras). A primeira muller en meta foi Elena Rosel.

A segunda modalidade, o 'Trail Santa María', contaba 8 quilómetros e uns 350 metros de desnivel positivo, percorrendo os montes de Santa María e a zona de Segade. Tratábase dunha proba tamén para deportistas absolutos, pero oficial para as categorías menores a partir de 14 anos. Os primeiros en completar o percorrido foron o caldense Fernando Lorenzo na categoría masculina e Julia Salvado na feminina.

A xornada completouse coa 'Andaina popular de Segade'.