Sara Cortegoso queda a un paso das medallas no Mundial de taekwondo

Pontevedra
16 de maio 2019

A deportista pontevedresa deu unha grande imaxe no Mundial Absoluto que se está a celebrar en Manchester. Gañou tres combates e caeu nos cuartos de final, ás beiras da semifinal, nos últimos segundos, despois de ir por diante durante os tres asaltos

Sara Cortegoso
Sara Cortegoso / Federación Galega de Taekwondo

Cos dedos rozou este mércores Sara Cortegoso as medallas na súa primeira participación nun Campionato do Mundo Absoluto de Taekwondo, o que se está celebrando na localidade inglesa de Manchester.

A deportista pontevedresa do Mace Sport gañou os seus tres primeiros combates e só perdeu nun apertado enfrontamento de cuartos de final nos últimos segundos, despois de ir por diante durante gran parte dos tres asaltos.

Cortegoso competiu na categoría de -46 quilos, superando en primeira rolda con algún problema a Michelle Tau (Lesotho) por 17 a 12. Foi no seu segundo combate no que se creu que podía chegar lonxe no cadro, ao vencer á subcampioa europea de 2018, a holandesa-iraniana Dina Pouryounes, por 19-8. Xa en oitavos de final a rival era a alemá Ozlem Guruz, á que dominou para conseguir un claro 18-5 ao seu favor.

Así chegou aos cuartos de final, a un combate do podio, onde esperaba a actual campioa mundial, a coreana Jae-Young Sim. A pesar da entidade da rival, Sara non se amedrentou e dominou os dous primeiros asaltos, só cedendo nos últimos 20 segundos nos que a coreana tirou de experiencia para meterse na seguinte rolda por 15 a 19.

A pesar desta derrota "estou moi contenta, porque o campionato pensaba que era moi grande e non esperaba pasar tantas roldas", sinalou a protagonista tras a xornada e tras un resultado que lle enche de moral para tentar o reto de pelexar pola clasificación olímpica.

Sara Cortegoso foi a primeira taekwondista da comarca en participar no Mundial, pero non será a última, xa que o venres 17 será a quenda de Arlet Ortiz (Mat's de Marín) en -57 quilos e o domingo pechará o campionato Iván García (Mat's) en -87 quilos).