Bos resultados para o Mace Sport e o Mat's Marín no Campionato Galego Absoluto de Combate celebrado este domingo na localidade coruñesa de Sada. Sara Cortegoso (peso minimosca), Katia Calvar (peso lixeiro) e Paco Fernández (peso medio) proclamáronse campións galegos nas súas respectivas categorías.
Ademais do ouro de Sara Cortegoso, os pontevedreses puideron celebrar a medalla de prata lograda por Xian Silva na categoría de peso lixeiro, de Miguel Ángel Cortegoso en peso mosca e de Salvador González en peso pluma; mentres que nas probas femininas houbo tamén medallas para Leyre Arbizu (prata en peso mosca) e Cristina Baena (bronce en peso pesado).
En canto ao Mat's Marín, xunto cos triunfos de Katia Calvar e Paco Fernández, tamén subiu ao podio Luís Reiriz, que logrou a prata en peso galo. Pola súa banda, as taekwondistas que brillaron con luz propia foron Carla Balado, que se colgou a prata en peso pesado, e Mariña Estévez, que foi bronce en peso minimosca.
Con estes resultados, o Mat's Marín sumou 21 puntos na clasificación por equipos, un máis que os 20 que conseguiu o Mace Sport. Ambos foron superados claramente polo gran dominador do taekwondo galego, o Natural Sport Ribeira. Logrou 55 puntos, grazas ás 18 medallas que gañaron neste campionato, seis delas de ouro.
Máis de cen deportistas de 25 clubs de toda Galicia, moitos deles medallistas estatais e internacionais, participararon neste Campionato Galego Absoluto de Combate, un torneo especialmente importante, xa que serviu para conformar a selección galega que participará no Campionato de España, unha proba que aínda non ten data.