Grandes resultados para o taekwondo pontevedrés no Open de Alemaña de categoría G-2 celebrado a fin de semana na localidade de Hamburgo.
A mellor actuación protagonizouna Sara Cortegoso (Mace Sport) ao conseguir a medalla de ouro no seu peso (-46 quilos) e sumar así importantes puntos para a clasificación mundial.
A pontevedresa superou na primeira rolda do torneo á local Agata Urban de Olonia por unha diferenza de 20 puntos, mentres que en semifinais desfíxose da reopresentante de Lesoto, Tau Michelle, por 8 a 3. Xa no combate polo título, venceu con autoridade á alemá Ozlem Guruz por un contundente por 15 a 2.
Tamén destacou no país xermano Ivan García (Mat's), ao conseguir a prata na categoría de +87 quilos. O marinense venceu os seus tres primeiros combates con claridade, primeiro ante o alemán Iván Bulanovic (45-9), despois ante o campión do mundo de -87, Alexander Bachman, e por último contra o local Cem Unsuloy.
Con eses resultados plantouse na final, na que cedeu ante o polaco Zsafersky.