Sara Cortegoso e Iván García, a polo Campionato de Europa Sénior de Taekwondo

Pontevedra
07 de abril 2021

Os deportistas do Mace Sport de Pontevedra e Mat's de Marín participarán no Europeo Absoluto que se disputa na capital de Bulgaria, Sofía, do 8 ao 11 de abril

Iván García, Sara Cortegoso e Alma Pérez antes do Europeo Sénior en Bulgaria
Iván García, Sara Cortegoso e Alma Pérez antes do Europeo Sénior en Bulgaria / Federación Galega de Taekwondo

O Campionato de Europa Sénior de Taekwondo é o próximo obxectivo dos pontevedreses Sara Cortegoso e Iván García.

Ambos, xunto á boirense Alma Pérez, serán os representantes galegos na competición que se disputará na capital búlgara, Sofía, do 8 ao 11 de abril.

A primeira en competir será Sara Cortegoso, na categoría de -46 quilos. A deportista do Mace Sport chega á cita continental co obxectivo de reencontrarse co seu mellor nivel "xa que nos anteriores torneos non foi así", recoñece sobre a súa participación nos Open de Turquía e Sofía. Por ese motivo prefire centrarse no combate inicial sen mirar moito máis alá: "Para min a máis importante será a rival á que me teña que enfrontar e despois, se gaño, pensarei na seguinte e así aos poucos".

Pola súa banda Iván García pechará o torneo na súa última xornada, o día 11, na categoría de +87 quilos. O representante do Mat's de Marín afronta o Europeo cheo de optimismo tras encadear medallas nas súas últimas citas internacionais. "É un reto que afronto con moitas ganas e con grandes expectativas. Aínda que nunca son moi resultadista, tratarei de aspirar a todo, a pesar de que hai xente bastante interesante competindo, nun ano de Xogos Olímpicos", afirmou antes da competición.