Sara Cortegoso, Arlet Ortiz e Iván García selan o seu pase ao Mundial de taekwondo

Pontevedra
15 de abril 2019

O Open de España, proba de categoría G-1, celebrado esta fin de semana en Vila-Real, Castelló, pechou a clasificación mundialista con boas noticias para o  taekwondo pontevedrés. Na competición nacional Sara Cortegoso e Javier González do Mace Sport e Iván García do Mat's de Marín colgáronse senllas medallas de bronce

Iván García e Sara Cortegoso no Open de España de taekwondo
Iván García e Sara Cortegoso no Open de España de taekwondo /

O Open de España de Taekwondo celebrado esta fin de semana en Vila-Real, Castelló, deixou grandes noticias para o taekwondo pontevedrés.

Con esta cita, de categoría  G-1, pechábase a clasificación para o Campionato do Mundo Absoluto que terá lugar o próximo mes de maio en Manchester, e dous deportistas da comarca selaron a súa clasificación para o mesmo uníndose á marinense Arlet Ortiz (Mat's).

Trátase de Sara Cortegoso (Mace Sport de Pontevedra) e de Iván García (Mat's de Marín), que lograron senllas medallas de bronce en Castelló. Tamén subiu ao terceiro chanzo do podio Javier González (Mace Sport) en -74 quilos, no seu caso estreando tempada tras superar problemas físicos nos últimos meses.

Cortegoso competiu na categoría de -46 quilos conseguindo un resultado que lle permite recuperar o número 1 do ranking nacional. Eliminou en primeira rolda a Andrea Mengual (30-3) e posteriormente a Laura Muñoz (28-25), mentres que na semifinal cedeu ante a gran favorita, a turca Filiz Ogel tras empatar (18-18) e decidirse o combate no punto de ouro.

En canto a Iván García, fíxose co bronce en -87 quilos tras vencer en cuartos de final ao ruso Nurmagomedov (26-4) e caer en semifinais ante o turco Hasan Can Lazoglu (20-16).

En Vila-Real tamén se celebrou o Open de España para as categorías cadete e júnior. Na primeira delas Sergio Troitiño (Mat's) conseguiu a medalla de ouro no seu peso, mentres que Alesandra Imparato (Mace Sport) e Inés González (Mace Sport) foron bronce. Pola súa banda en idade júnior Aitana López (Suh TKD Pontevedra) e Alejandro Costado (Suh TKD Pontevedra) subiron tamén ao terceiro chanzo do podio.