Sara Cortegoso, Arlet Ortiz e Iván García, ao asalto de Bulgaria e Turquía

Pontevedra
17 de febreiro 2021

Os tres deportistas representarán ao taekwondo pontevedrés nos Open de Bulgaria e de Turquía que se disputarán de maneira consecutivo a principios do mes de marzo. Cortegoso farao convocada pola Selección Española, mentres que Arlet Ortiz e Iván García representarán ao seu club, o Mat's de Marín

Sara Cortegoso, Iván García e Arlet Ortiz
Sara Cortegoso, Iván García e Arlet Ortiz / Federación Galega de Taekwondo

O taekwondo pontevedrés prepárase para o que será un intenso mes de marzo de competicións, sempre que a evolución da covid o permita, empezando polo calendario internacional.

O Open de Sofía, en Bulgaria, e o Open de Turquía que terá lugar na súa capital, Istambul, serán as primeiras desas citas, importantes para conseguir unha óptima posta a punto de cara os grandes obxectivos do ano, como o Campionato de Europa Absoluto.

Para ese Europeo está practicamente clasificada a pontevedresa Sara Cortegoso, que foi convocada para competir en Bulgaria e Turquía dentro da estrutura da Selección Española.

Aínda que desde o seu club, o Mace Sport, prefiren que a súa pupila compita na categoría de -49 quilos pensando nunha futura loita pola clasificación olímpica, Cortegoso participará nesta ocasión no seu actual peso, -46 quilos.

Os dous torneos disputaranse de maneira consecutiva, o primeiro do 5 ao 7 de marzo na capital búlgara e o segundo do 8 ao 13 de marzo en Istambul.

Xunto a ela haberá dous representantes máis do taekwondo pontevedrés, aínda que competirán representando ao seu club, o Mat' s de Marín, e cunha bolsa da Federación Galega para custear o seu desprazamento. Trátase de Arlet Ortiz (-57 quilos) e Iván García (-80 quilos).