Sanxenxo, lugar de 'descanso activo' para o equipo ruso junior de loita olímpica

Pontevedra
16 de outubro 2017

O equipo feminino junior de Rusia atópase estes días na localidade pontevedresa, onde este luns foron recibidos polo goberno local, dentro dunha concentración na que comparten adestramentos cos denportistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva 

Recepción en Sanxenxo da selección rusa junior feminina de loita olímpica
Recepción en Sanxenxo da selección rusa junior feminina de loita olímpica / Concello de Sanxenxo

A selección rusa feminina junior de loita olímpica atópase estes días en Sanxenxo, lugar escollido para realizar o seu 'descanso activo' anual, dentro da súa esixente programación de adestramentos.

As deportistas e o corpo técnico que as acompaña déixanse ver desde a pasada semana na localidade pontevedresa, onde se aloxan e gozan de diferentes actividades compaxinándoas con sesións de preparación xunto aos deportistas bolseiros no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

O equipo ruso, composto por 10 deportistas e 6 técnicos, foi recibido este luns polo goberno local de Sanxenxo, encabezado polo alcalde Telmo Martín e o concelleiro de Deportes, Suso Sueiro.

"Para as loitadoras é moi importante adestrarse nun ambiente de calidade e tranquilidade", recoñeceu Alexander Borzunov, responsable da selección rusa.

A boa relación entre as federacións Española e Rusa xa permitiu a deportistas como a pontevedresa Lydia Pérez Touriño, adestrada polo exseleccionador soviético Alexander Kachalaev, acudir a unha concentración a Rusia, cuxa selección junior é a actual subcampioa do Mundo junior.

A súa estadía en Sanxenxo finalizará o vindeiro mércores 18 de outubro.