Santi Picallo reparte o mérito dunha fazaña que "parecía inalcanzable" entre todos os que formaron parte do Cisne

Pontevedra
06 de maio 2020

O presidente da entidade pontevedresa agradece por carta o traballo e dedicación de todos os directivos, adestradores, xogadores, afeccionados, colaboradores e patrocinadores que durante os 56 anos de historia do club contribuíron ao seu crecemento

Partido entre Cisne e Bordils no CGTD
Partido entre Cisne e Bordils no CGTD / Diego Torrado

O Cisne debutará a próxima tempada na máxima categoría do balonmán español. A pandemia do coronavirus obrigou a suspender a competición e privou ao equipo pontevedrés de celebrar o éxito cara ao que camiñaba con paso firme na cancha. Pero o presidente da entidade, Santi Picallo, quixo facer pública unha carta de agradecemento a todos os actores que participaron e fixeron posible esta fazaña.

"O día 4 de maio do 2020 será unha data que lembraremos todos os cisneístas dunha maneira especial o resto das nosas vidas. O noso primeiro equipo ascende á máxima categoría do balonmán español e estaremos entre os 18 mellores clubs de España, representando a Pontevedra e Galicia", comeza o escrito, no que lembra a figura do Manuel Corrochado, fundador do Cisne hai 56 anos, e de todos os directivos que lle sucederon.

Continúa Picallo agradecendo o labor dos técnicos, delegados e fisioterapeutas que contribuíron co seu traballo para conseguir unha meta que "hai uns anos parecía inalcanzable e que só ten unha cualificación pola miña banda: extraordinaria”.

Non esquece tampouco aos auténticos protagonistas. "Un grupo excepcional de xogadores galegos e pontevedreses que desde a máxima humildade, deportiva e económica, corresponderon ao club cun enorme esforzo e interese sacrificando o seu tempo libre, traballo e estudos", subliña Picallo, situando a estes xogadores como "un exemplo de superación deportiva e de sentimento de club" para a base, socios, afeccionados e patrocinadores do Cisne.

Despois de referirse a todos os xogadores, técnicos, auxiliares, delegados, directivos, colaboradores, institucións e patrocinadores que contribuíron ao crecemento da escuadra pontevedresa, Santi Picallo concluíu a súa carta expresando a súa desexo de que "todos os cisneístas gocen enormemente deste ascenso á liga Asobal e que poidan celebralo connosco ao longo da tempada 2020/21. Esperámosvos".