Santi Figueroa xogará no Arosa a próxima tempada co reto de "tratar de explotar e demostrar todo o meu nivel"

Pontevedra
07 de xullo 2022

O conxunto granate confirma que se garda unha "opción de recuperación" polo seu canteirán, que acaba a súa etapa sub-23, tras alcanzar un acordo a tres bandas entre ambos os dous clubs e o futbolista 

Santi Figueroa, no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Real Avilés
Santi Figueroa, no partido de liga en Pasarón entre Pontevedra e Real Avilés / Cristina Saiz

Terceira baixa confirmada no Pontevedra Club de Fútbol e nova fichaxe para o Arosa. Todo nun na mesma operación.

Santi Figueroa cambia o estadio de Pasarón polo da Lomba para sumarse ao reto de ascender a Segunda RFEF co cadro arlequinado, no que volverá atoparse co que foi o seu adestrador na casa granate, José Luis Míguez 'Luisito'.

O lateral pontevedrés, que acaba a súa etapa sub-23, ponse un reto na nova etapa que comeza, o de "tratar de explotar e demostrar todo o meu nivel", sinalou en declaracións ao conxunto de Vilagarcía.

Figueroa asegura estar "con moitísimas ganas de empezar" e a pesar de baixar unha categoría móstrase feliz de aterrar en "un equipo con obxectivos ambiciosos".

A súa chegada ao Arosa prodúcese tras un acordo a tres bandas entre ambas as entidades e o propio futbolista polo que o Pontevedra se garda unha "opción de recuperación" sobre a súa canteirán, segundo confirmaron desde as oficinas de Pasarón.

Desde o seu ascenso ao primeiro equipo granate, Santi Figueroa xogou 26 partidos en Segunda B e Segunda RFEF, 20 deles como titular repartidos entre as tres últimas tempadas, experiencia á que suma un ano en Terceira División co Céltiga.