Sandra Entenza, única ausencia en Badajoz para un Arxil que quere confirmar o seu bo inicio ligueiro

Pontevedra
31 de outubro 2014

O equipo verde afronta a segunda xornada na Liga Feminina 2 co seu primeiro desprazamento. O partido xógase este sábado (19:30 horas)

Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD
Partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada no CGTD / Diego Torrado

Esixente test para o Club Baloncesto Arxil, que quere confirmar en Extremadura o seu bo arranque e mellores sensacións na primeira xornada, na que gañou con contundencia ao Araski vasco.

O conxunto verde afronta o seu primeiro desprazamento da tempada na cancha do Badajoz Basket Femenino (sábado 19:30 horas).

As pontevedresas non se fian do mal partido do Badajoz en Vigo a pasada semana, e esperan un choque disputado no que deberán poñer moita atención a xogadoras como Pamela Moral, Regina e Larissa, principais referencias ofensivas das estremeñas.

Para a cita Mayte Méndez perde a Sandra Entenza por motivos laborais, pero poderá dispoñer do resto do plantel nunha convocatoria composta por: Carla, Jara Tuda, Maria Lago, Maria González, Cristina, Aldara, Ana Martín, Ana Román, Maimouna Diarrá, Fallon Lewis e Fany López.