Sana N'Diaye convértese na primeira fichaxe do Pontevedra

Pontevedra
01 de xullo 2019

O centrocampista senegalés, de 26 anos, firma  ccon unha tempada co conxunto granate e chega procedente da Real Balompédica Linense, con quen competiu as dúas últimas tempadas no Grupo IV da Segunda  B

Sana N'Diaye nun adestramento coa Balompédica Linense
Sana N'Diaye nun adestramento coa Balompédica Linense

O mes de xullo comeza con movementos no Pontevedra Club de Fútbol. Pechado o capítulo de renovacións e baixas, as últimas as saídas de Kevin Presa e Adrián León, no que respecta a os futbolistas con ficha sénior, os afeccionados estaban á espera de coñecer os primeiros nomes de incorporacións para o novo proxecto deportivo.

O primeiro deses nomes é Sana N' Diaye, centrocampista senegalés de 26 anos de idade que chega precisamente co encargo de facer olvidar a Kevin procedente da Real Balompédica Linense, equipo co que competiu os dous últimos cursos no Grupo IV da Segunda División B. Na liga recentemente terminada participou en 32 encontros (28 como titular) anotando un gol.

N'Diaye conta cunha traxectoria máis dilatada na categoría de bronce, onde disputou 149 partidos en equipos como o Atlético Sanluqueño e o Olot.

O futbolista senegalés ocupará unha das tres fichas sénior dispoñibles e firma co Pontevedra por unha tempada.

Tras a súa contratación, os esforzos céntranse agora no posto de defensor central e de dianteiro centro, onde se esperan os reforzos en idade sénior, aínda que tamén se confirmarán nos próximos días as fichaxes de xogadores sub-23.