A Praza da Ferrería encheuse un ano máis de deporte coa celebración do Saltar na Rúa, unha cita imprescindible no verán pontevedrés que permitiu a todos os asistentes vivir de preto a intensidade e espectacularidade do atletismo tan só unhas semanas despois dos Xogos Olímpicos de París.
Os mellores atletas de Galicia, Portugal, Navarra, País Vasco e Cataluña demostraron a súa destreza en disciplinas como o triplo salto, o salto de lonxitude e o salto con pértega, achegando ao público a emoción e a magnitude destas probas atléticas.
Os asistentes puideron comprobar a dimensión do récord do mundo logrado polo pertiguista Armand Duplantis, que superou os 6,25 metros de altura, e as distancias percorridas polos atletas a escasos metros do colchón de pértega ou do caixón de area dos saltos.
En total foron 22 os atletas que ofreceron esta gran exhibición, entre os que se atopaba Oriol Almirall, atleta da Gimnástica que adestra en Cataluña e conta cunha marca de 5'30 metros en salto con pértega, ou as tres mellores de Galicia, entre as que está a ourensá Manuela Blanco.
En salto de lonxitude estivo Sergio Coello, da Gimnástica, que este ano alcanzou unha marca de 7'73 metros. Elas estiveron representadas, por exemplo, por Olaia Gisela Becerril, galega afincada en Estados Unidos, actual campioa galega cunha marca que supera os seis metros; e a atleta navarra Laila Lacuey cunha marca de 6,49 metros. En triplo salto púidose ver ao campión galego absoluto Diego Míguez ou tres mulleres con marcas que superan os trece metros.