O fútbol feminino pontevedrés sácalle 'cartón vermello' ás violencias machistas á vez que reivindica a súa forza, cada vez maior.
No marco da campaña do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, un dos clubs da cidade como o Salgueiriños CF, que apostou por crear unha estrutura integramente feminina na súa base, organizou un partido amigable no segundo campo do Complexo Deportivo Municipal Manolo Barreiro da Xunqueira.
O rival do seu equipo cadete era As Celtas, o recentemente creado conxunto feminino do Celta de Vigo.
As futbolistas de ambos os dous equipos pousaron antes do encontro con cartóns vermellos e unha pancarta contra as violencias machistas.
Nas bancadas estaban ademais representantes doutros clubs deportivos da cidade.
O resultado, aínda que case era o de menos, foi finalmente de 0-4 en favor das Celtas.
Cabe sinalar que na súa segunda tempada con estrutura integramente feminina, o Salgueiriños conta con tres equipos federados (alevín, cadete e sénior) no que compiten 40 futbolistas a partir dos 7 anos de idade.
Unha progresión que esperan manter e que cada vez sexan máis as nenas que se animen en Pontevedra a gozar do fútbol.