Saleta Castro remata a tempada cunha sétima posición no Ironman 70.3 de Lanzarote

Pontevedra
06 de outubro 2018

A atleta pontevedresa rematou en terceira posición a primeira parte a nado e pasou á sétima durante a proba de ciclismo, na que se mantivo ata a chegada á meta

Saleta Castro, no campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia
Saleta Castro, no campionato de España de Tríatlon de Longa Distancia / Paula Sanmartín

A atleta pontevedresa Saleta Castro acudiu esta fin de semana a Lanzarote para participar no Ironman 70.3, que tivo lugar durante a mañá do día 6 e recibiu a 660 deportistas procedentes de diferentes partes do mundo. A proba, que constou de 1.900 metros a nado, seguidos de 90 quilómetros en bicicleta e 21 quilómetros a pé, comezou ás 7:30 horas e finalizou pasadas as 12:00. As condicións metereolóxicas foron as idóneas para o perfecto desenvolvemento da competición, xa que non houbo gran presenza de vento e rozáronse os 25 graos de temperatura.

Saleta alcanzou a meta despois de 4 horas, 46 minutos e 13 segundos, na sétima posición. A pesar de non conseguir o podio, a pontevedresa finalizou a primeira parte como a terceira mellor na auga, e foi a quinta mellor no traxecto final.

A primeira parte a nado déuselle ben a Saleta, xa que a realizou nun tempo de 27 minutos e 58 segundos, só por detrás da primeira muller en saír da auga, Beatrice Weiss (cun tempo de 25:23) e da danesa Camila Pedersen (con 25:31). Despois dunha transición de algo máis de dous minutos e medio, a pontevedresa comezou a proba ciclista. No quilómetro 30 de traxecto, a atleta ocupaba a sexta posición nun tempo dunha hora, 28 minutos e 38 segundos, postoa que mantivo ata o quilómetro 70, no que foi superada pola francesa Jeanne Collonge. Finalmente, Castro culminou os 90 quilómetros despois de 2 horas, 39 minutos e 48 segundos (03:10:22 no tempo total desde o inicio da competición).

Tras a derradeira transición da pontevedresa, que durou pouco máis de dous minutos, chegou o momento da carreira a pé que completou como a quinta mellor da proba cunha marca de 01:33:48 no cronómetro, pero como sétima na xeral. A pesar de non lograr o podio, Saleta Castro finalizou a tempada cunha boa marca no medio Ironman de Lanzarote, a 18 minutos e 11 segundos da primeira muller en cruzar a liña de meta, a británica Lucy Gossage, e a 09:32 da sexta, Camila Pedersen.

Poden visitarse todas as marcas da proba de Saleta na páxina web da competición.